A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe a iniciativa que se leva a cabo esta semana no hotel A Roda, en Meirás

Martina Aneiros destaca as posibilidades de ocio activo vinculado ao mar que ofrece o minicampamento ‘Valdoviño Mariño II’

Unha vintena de nenos de entre 10 e 14 anos participan na segunda quenda desta proposta que ofrece unha opción de ocio activo vinculado ao desfrute do medio mariño, á vez que dinamiza o sector hostaleiro

A delegada autonómica lembrou que está aberto o prazo de solicitude do Bono Coidado, un apoio económico co que atender as necesidades puntuais de conciliación que teñan as familias durante todo o ano
 

 

Valdoviño (A Coruña), 19 de xullo de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou hoxe aos participantes no minicampamento ‘Valdoviño Mariño II’, que ten lugar esta semana no hotel A Roda, de Meirás. Trátase dun dos 13 que se están a desenvolver en Galicia nesta campaña de verán por parte da Consellería de Política Social e Xuventude e o único que se leva a cabo en Ferrolterra.

 

Un grupo de 20 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, danse cita na segunda quenda do programa nas instalacións deste aloxamento turístico, a primeira tivo lugar a pasada semana e contou tamén cunha vintena de participantes, o total das prazas ofertadas. Unha iniciativa que se centra en actividades de desfrute do medio mariño como o surf, o paddle surf ou o caiac e outras como o sendeirismo.

 

“Esta iniciativa supón unha oportunidade para que os participantes coñezan distintos enclaves da comunidade e aprendan novas disciplinas, neste caso moi vinculadas á riqueza desta comarca como é o mar”, explicou a delegada autonómica. Así mesmo, engadiu que con este programa se  “se facilita a conciliación das familias nesta época estival e se axuda a dinamizar o sector hostaleiro que tanto sufriu coa pandemia”.

 

A proposta se leva a cabo baixo o lema ‘Coñece Galicia’ e oferta estadías rápidas, de cinco días, nas que os menores participantes poden adquirir competencias e habilidades, ademais de fomentar o seu coñecemento da riqueza natural e patrimonial da comunidade, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

 
 

Bono Coidado

Martina Aneiros aproveitou a visita para lembrar ás familias que dende a pasada semana e ata o 30 de setembro está aberto o prazo para solicitar o Bono Coidado, unha axuda directa para facer fronte aos gastos destes servizos e doutros como ludotecas ou espazos infantís para nenos de ata 12 anos. Ademais, esta axuda serve para contratar servizos de conciliación durante o resto do ano en caso de enfermidade do neno ou do coidador habitual, ou ante situacións imprevistas.

 

As contías ascenden a 500 euros por unidade familiar no caso de que sexa destinada á contratación dunha persoa empregada do fogar ou a 200 euros para a asistencia a un servizo de conciliación como é o caso dos campamentos de verán. O ano pasado estes apoios chegaron a 1.000 familias galegas

Imaxes relacionadas