A conselleira do Mar participou na inauguración da XX Conferencia Bianual do Instituto Internacional de Economía e Comercio Pesqueiros

A Xunta destaca o peso da cadea mar-industria na economía galega coa achega duns ingresos anuais de preto de 9.000 millóns de euros

Rosa Quintana expuxo que 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro, segundo reflicten as últimas táboas input-output que se publicarán proximamente e que mostran as relacións e impactos directos e indirectos dos sectores marisqueiro, pesqueiro e de cultivos mariños

En base a estes datos, o Goberno galego asenta a toma de decisións estratéxicas para o sector, unha tarefa na que considera clave o equilibrio nos ámbitos medioambiental, económico e social e que defende de cara a revisión da Política Pesqueira Común

A titular de Mar fixo fincapé no labor responsable e sostible da frota galega en aras da conservación dos recursos mariños e na necesidade de que o sector poida traballar coa protección de políticas públicas comúns apoiadas en informes rigorosos
 

Vigo, 18 de xullo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o peso da cadea mar-industria na economía galega á que achega un volume de ingresos de preto de 9.000 millóns de euros anuais. Nesta liña, sinalou que 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro. Estes datos forman parte das táboas input-output que emprega a Administración galega desde hai máis de 20 anos para coñecer a rede de interrelacións e dependencias entre os sectores económicos.

Así o expuxo a titular de Mar hoxe en Vigo durante a inauguración da XX Conferencia Bianual do Instituto Internacional de Economía e Comercio Pesqueiros, que se celebra desde hoxe ata o 22 de xullo. Alí tamén especificou que en vindeiras semanas se publicarán as últimas táboas input-output que reflicten as relacións e impactos directos e indirectos dos sectores marisqueiro, pesqueiro e de cultivos mariños.

En base a estes datos que son froito do labor de economistas, engadiu Rosa Quintana, o Goberno galego asenta a toma de decisións estratéxicas para o sector de maneira conxunta e da man da cogobernanza. Nesta tarefa, engadiu, tamén é fundamental o equilibrio que sempre defende Galicia nos ámbitos medioambiental, económico e social e que demanda de cara a revisión da Política Pesqueira Común.

Trátase dunha fórmula de traballo coa que a comunidade galega defende os intereses do sector ante calquera instancia con “argumentos técnicos, estudos científicos e informes sólidos”, subliñou. Faino, explicou, en cuestións como a proposta da Comisión Europea para prohibir as artes de fondo en preto dun centenar de zonas en augas europeas. Tamén na fixación dos Totais Admisibles de Capturas no seo da Unión Europea.  Dentro deste labor, Rosa Quintana destacou o apoio do servizo que proporciona rexistros de produción e facturación das descargas da pesca fresca en lonxa e datos de cultivos mariños, entre outros.

Ademais a conselleira fixo fincapé no labor responsable e sostible da frota galega en aras da conservación dos recursos mariños. Un esforzo, engadiu, que permitiu manter a maioría dos caladoiros nos que faena o sector galego en condicións de rendemento máximo sustentable. Neste sentido, a titular de Mar puxo de relevo “a necesidade de que o sector pesqueiro poida traballar baixo a protección de políticas públicas comúns apoiadas cientificamente en informes serios e rigorosos”.

A Conferencia

A XX Conferencia Bianual do Congreso do Instituto Internacional de Economía e Comercio Pesqueiro (IIFET) celébrase entre hoxe e o 22 de xullo no Auditorio do Mar de Vigo. Está organizada pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE) e pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e dá continuidade á que se celebrou no 2018 en Seattle tras o parón derivado da pandemia da covid-19.

Ten como obxectivo debater sobre o comercio mundial e para iso está prevista a participación de 170 persoas, a maioría expertas e economistas no ámbito da pesca de fóra da Unión Europea, así como xestores da FAO e da Organización de Cooperación Económica para o Desenvolvemento (OCDE).

Neste evento abordaranse varios temas como os efectos da covid-19 no contexto económico, a gobernanza e a xestión pesqueira, a contribución da pesca e a acuicultura á nutrición, a seguridade alimentaria e as cadeas de valor da pesca e da acuicultura, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas