A Xunta e o Concello de Poio sentan as bases dun convenio para activar o proxecto de renovación do bordo portuario de Raxó cun investimento de máis de 800.000 euros

A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizaron co alcalde do municipio o reparto das obrigas e do importe a asumir por cada parte, que será do 70% no caso do Executivo galego e do 30% no do local

Portos de Galicia reitera ao Concello que a proposta municipal para a concesión dun aparcadoiro no paseo das Redeiras non é viable tal e como está realizada a solicitude, polo que traslada a posibilidade de alternativas como un convenio de colaboración
 

Pontevedra, 18 de xullo de 2022

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron hoxe un encontro co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e representantes de distintas asociacións de veciños e entidades locais no que analizaron distintos asuntos de interese para o concello pontevedrés. Entre eles, o proxecto de mellora do bordo portuario de Raxó, no que as partes sentaron as bases dun acordo para o reparto do investimento e das obrigas a asumir tanto para a realización das obras -cun investimento previsto de máis de 800.000 euros- como para asumir o mantemento posterior dos espazos afectados ou a colaboración municipal coa ordenación do tráfico, entre outras.

Estas obrigas, que quedarán reflectidas nun convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o Concello, supoñen que a Administración galega asumirá o 70% do custo dos traballos e o Goberno local o 30% restante. As actuacións suporán a remodelación do bordo portuario e a renovación integral das instalacións de redes de servizos municipais como abastecemento, saneamento, electricidade ou telefonía, entre outros.

O porto de Raxó distingue os usos estritamente portuarios e de interacción porto-cidade que dá servizo aos veciños, polo que procede a necesaria colaboración para a conservación e mantemento das obras e servizos municipais, facilitando o desfrute da cidadanía.

Os acordos acadados permitirán avanzar nas xestións necesarias para a tramitación e sinatura do convenio así como para poñer en marcha a licitación das obras, que suporán unha importante mellora para o conxunto da cidadanía respectando a actividade portuaria.

 

Aparcadoiro

As partes tamén avaliaron a solicitude de concesión do Concello para habilitar un aparcadoiro na zona do paseo das Redeiras, sobre a que os representantes da Xunta reiteraron que non é viable tal e como está realizada pois pretende destinar as prazas a residentes cando non se poden reservar eses espazos para usos alleos ao portuario. Ante esta situación, Portos de Galicia trasladou a posibilidade de estudar alternativas posibles como o establecemento dun convenio entre o ente público e o Concello que permita habilitar unha zona de aparcamento libre así como a ordenación do tráfico por parte do Goberno local, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas