Galicia e Mozambique colaboran no reforzo da pesca e da acuicultura no país africano para mellorar a seguridade alimentaria e nutricional

O proxecto Pe1xan MZ está financiado con fondos de Cooperación Galega e ten como obxectivo contribuír a mellorar as condicións de vida das comunidades de Namaacha


Esta acción está coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e ten como socios á Fundación Ayuda en Acción, á Direção Provincial da Agricultura e Pescas e a Ayuda en Acción-Mozambique
 

 Vigo, 17 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia e o Goberno de Mozambique inician unha nova colaboración para mellorar as condicións de vida e a seguridade alimentaria e nutricional da poboación do distrito de Namaacha, na provincia de Maputo. Fano co proxecto Mellorar os medios de vida e a seguridade alimentaria da poboación mediante o fortalecemento das cadeas de valor da pesca e da acuicultura, que se presentará o vindeiro xoves 21 de xullo en Namaacha, Mozambique.

O obxectivo desta nova acción é aumentar as fontes de ingresos e mellorar o acceso a unha alimentación adecuada mediante o fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola, reforzando a cadea de valor e mellorando a seguridade alimentaria, con especial atención á mocidade e ás mulleres.

Deste xeito, Pe1xan MZ alíñase cos principios do IV Plan Director da Cooperación Galega que define a Mozambique como un país prioritario no que se requiren intervencións en sectores nos que Galicia ten vantaxes comparativas, como a pesca e a acuicultura.

O calendario de actuación abrangue un período de tres anos durante os que os técnicos da Fundación Cetmar -coordinadora do proxecto- e da Fundación Ayuda en Acción traballarán en colaboración cos socios locais para reforzar a coordinación entre os diferentes axentes e promover a participación do sector na definición das políticas pesqueiras e acuícolas.

 

Neste sentido, está prevista a creación dunha comisión asesora que se encargará de elaborar unha folla de ruta onde se establezan os obxectivos prioritarios e as liñas estratéxicas de desenvolvemento do sector na provincia.

 

Os socios de Pe1xan teñen previsto deseñar diferentes propostas de mellora das artes de pesca coas que aumentar a produtividade, realizar estudos de mercado e desenvolver metodoloxías que permitan poñer en valor os produtos.

Así mesmo, o proxecto prevé diversas actividades formativas dirixidas tanto a membros de asociacións como a pequenas e medianas empresas ou a pescadores e acuicultores particulares. Entre elas atópanse obradoiros de reparación, adecuación ou construción de embarcacións e de estanques acuícolas, técnicas de conservación e transformación de produtos ou métodos de organización e xestión, entre outros.

A importancia do consumo de peixe para a alimentación, especialmente para os máis pequenos, é outro dos puntos clave do proxecto e para iso realizaranse actividades de promoción entre os estudantes das localidades de Changalane e Mahelane. Nelas darase conta dos beneficios e o alto valor nutricional dos produtos da pesca e da acuicultura e a súa influencia na seguridade alimentaria e nutricional. Tamén se desenvolverán accións de educación e formación para as familias sobre receitas culinarias.

 

O proxecto prevé chegar a mais de 1.200 beneficiarios directos e cerca de 11.000 indirectos, estes últimos pertencentes á comunidade xeral residente na zona. Para iso, Pe1xan conta cun orzamento de arredor de 480.000 euros, que corre a cargo da Xunta de Galicia a través dos fondos de Cooperación Galega, do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e da Fundación Ayuda en Acción.