Rueda reafirma o apoio da Xunta aos familiares do "Villa de Pitanxo" e garante que lle trasladará ao presidente do Goberno as súas reivindicacións sobre a investigación do accidente

Nun novo encontro con representantes das familias, comprometeuse a facer chegar a Pedro Sánchez unha carta coas súas demandas

Marín (Pontevedra), 16 de xullo de 2022

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o apoio da Xunta de Galicia aos familiares do Villa de Pitanxo e comprometeuse a trasladar ao presidente do Goberno as súas peticións sobre a investigación do accidente.

Nun encontro que tivo lugar hoxe en Marín entre o mandatario galego e as familias das vítimas, cinco meses despois do sinistro no que desapareceron 21 mariñeiros que faenaban en augas de Canadá, Alfonso Rueda recolleu unha carta que lle pediron que fixera chegar a Pedro Sánchez cando este reciba ao presidente da Xunta.

Rueda insistiu en que o Goberno central debería poñer todos os medios a disposición da investigación, e máis agora, cando as condicións meteorolóxicas facilitarían os labores de localización dos desaparecidos. Reiterou, ademais, que o Goberno galego non escatimará recursos para colaborar nesa procura en caso de que o Executivo teña en conta as reiteradas peticións de axuda por parte dos familiares das vítimas.

O titular do Goberno galego recordou que é prioritario aclarar o sucedido no accidente que tivo lugar o pasado 15 de febreiro e que así llo trasladará ao presidente do Executivo central cando manteñan o primeiro encontro logo da investidura de Rueda como presidente da Xunta. De aí que lamentase que dous meses despois do seu nomeamento, a reunión aínda non teña data.

O encontro entre o presidente do Goberno autonómico e a representación dos familiares das vítimas encádrase na liña de colaboración comprometida polo Goberno galego desde que tivo lugar o sinistro, unha das maiores traxedias sufridas polo sector marítimo-pesqueiro de Galicia. Apoio psicolóxico aos familiares, liñas de axudas dispostas para vítimas de naufraxios e asistencia na investigación foron algúns dos ofrecementos prestados por parte da Xunta.
 

Imaxes relacionadas