O conselleiro de Sanidade doa sangue e invita á cidadanía galega a facelo nos meses de verán xa que tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos de reservas
Os grupos A positivo, A negativo e 0 positivo amosan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á colaboración nas campañas de doazón de sangue
Vigo, 16 xullo 2022.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou sangue no Hospital Nicolás Peña, na cidade olívica, e realizou un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A positivo, A negativo e 0 positivo.
As reservas destes tres grupos sanguíneos, -sinalou o conselleiro-, presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O titular da carteira sanitaria lembrou que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.
ADOS destaca que Vigo é unha cidade solidaria no que atinxe á doazón de sangue, xa que a súa taxa é de 48 x 1000 habitantes, acadando o pasado ano as 14.238 doazóns.
En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia, son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, como sucede durante a época estival, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos a cidadanía, polo que o departamento sanitario galego solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán.
As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitan, nestes días, diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia. ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos desprazamentos destas unidades.
DATA | CONCELLOS |
Luns 18 de xullo | Narón, Celas de Peiro (Culleredo), Culleredo, Zona Gaiteira-Os Castros (A Coruña), Praza Roja (Santiago), Área Central-Fontiñas (Santiago), Catoira, Bº Teis (Vigo), Rúa Príncipe (Vigo), Foz, A Rua |
Martes 19 de xullo | Narón, O Burgo (Culleredo), Bº Peruleiro (A Coruña), A Picota (Mazaricos), O Incio, Ronda das Fontiñas (Lugo) |
Mércores 20 de xullo | Miño, Santa Cristina (Oleiros), Praza Conchiñas (A Coruña), Santa Comba, Vilanova de Arousa, Praza Maior (Lugo) |
Xoves 21 de xullo | Ortigueira, Zona Los Rosales (A Coruña), Cantón-Obelisco (A Coruña), Padrón, A Estrada, Moaña, Monforte, O Carballiño |
Venres 22 de xullo | Praza de España (Ferrol), Bº Os Mallos (A Coruña), Cantón-Obelisco (A Coruña), Padrón, A Estrada, Moaña, Monforte, O Carballiño |
Sábado 23 de xullo | Praza de España (Ferrol), Urbanización A Barcala (Cambre), Padrón, A Estrada, Moaña, Palas de Rei |
Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:
CENTRO | HORARIO |
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO | Luns a venres das 8 ás 22 horas Sábado das 8 ás 15.00 horas |
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA | Luns a venres das 8 ás 22 horas Sábado das 8.00 ás 15 horas |
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROL | Luns das 15 ás 22 horas Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas Venres das 8 ás 22 horas |
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO | Luns e venres das 15 ás 22 horas Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas |
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE | Luns a venres de 8 ás 15 horas |
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA | Luns a venres de 8 ás 15 horas |
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO | Luns a venres das 8 ás 22 horas Sábados das 8 ás 15 horas |
ADOS lembra que pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.