A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor estas actividades de formación

A Xunta entrega os diplomas dos cursos 'Crea Xove' do Plan de Formación de Xuventude e Voluntariado

O acto de entrega clausurou os cursos que xiraron arredor do deseño 3D, da edición de vídeo, da dirección de actores e de todo o proceso de realización audiovisual

Máis de 2.000 galegos e galegas puideron recibir estas formacións a través de cur-sos tanto presenciais como en liña
 

As Pontes (A Coruña), 15 de xullo de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participa-ción e Voluntariado, Cristina Pichel, entregou hoxe, na Casa Dopeso en As Pontes, os diplomas aos participantes dos cursos Crea Xove que tiveron lugar entre os meses de maio e xuño. Estas formacións enmárcanse dentro do Plan de Formación de Xuventude e Voluntariado, posto en marcha pola Xunta en Galicia, que ten como finalidade dar resposta aos diferentes programas activos e ás demandas das persoas voluntarias.

Os diplomas entregados foron para os participantes dos seguintes cursos: Iniciación ao deseño 3D no programa Autodesk Maya; Dirección de actores; Edición básica de vídeo en Premier Pro; Estética nunha produción audiovisual; e Guión audiovisual e xeración, presentación e venda de proxectos de ficción.

As formacións anteriores están dentro do Plan de Formación de Xuventude e Volunta-riado, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia o pasado mes de abril. De-senvólvense cursos como os anteriores, tanto presenciais como en liña, a máis de 2.000 galegos e galegas. Concretamente, ofértanse 36 cursos para a xuventude, dos cales 27 son presenciais e nove en liña e están destinados á mocidade de entre 16 e 35 anos.

Así mesmo, para as persoas voluntarias e entidades inscritas no Rexistro de Acción de Galicia, ofértanse 21 cursos formativos con case 1.500 prazas para maiores de 16 anos. Do total, 10 cursos son de xeito presencial e 11 en liña. Reciben, ademais da formación básica, formación de voluntariado específica en áreas como medioambiente, educación ou igualdade, entre outras.

Completar o currículo

Cristina Pichel puxo en valor durante o acto de entrega a importancia do Plan de Formación de Xuventude e Voluntariado que permite complementar o currículo dos técnicos de xuventude e profesionais de tempo libre así como ofrecer unha maior formación de carácter non formal á xuventude.