O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu á saída da travesía a nado impulsada por esta entidade

A Xunta destaca o labor de Fegadace na procura dunha maior visibilidade das persoas con dano cerebral

Na actividade participaron nadadores con e sen dano cerebral co fin de poñer en valor a inclusión e a promoción de hábitos saudables para a súa prevención

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xullo de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou o labor da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) na procura dunha maior visibilidade das persoas con dano cerebral. Esta tarde participou na saída da travesía a nado organizada por esta entidade baixo o lema Travesía a Nado #PoloDanoCerebral, que tivo lugar na praia do Preguntoiro, en Vilaxoán.

 

A travesía, que se iniciou ás cinco da tarde e que contou con participantes con dano cerebral, tivo tamén como finalidade a inclusión e a promoción de hábitos saudables para a súa prevención. O director xeral puxo en valor este tipo de iniciativas por permitir darlle eco á importancia dun estilo de vida saudable ao tempo que se procura unha maior inserción das persoas con dano cerebral.

 

Fegadace leva máis dunha década axudando ás persoas con dano cerebral a conseguir unha vida autónoma a través dos seu centros en distintas localidades de Galicia. Así, a entidade procura sensibilizar á sociedade sobre a dimensión desta discapacidade, implicar ás institucións e a todas as iniciativas que traballan por resolver os retos da rehabilitación, inclusión e normalización social do colectivo.