Lete Lasa destaca a “forza e a inmortalidade” do automobilismo galego na presentación do II Rallymix Concello de Ribadumia

A Xunta financia todos os rallies do calendario galego nas distintas modalidades cunha achega de 125.500 euros do total de 167.000 euros destinados á federación no 2022 e con 2.500 euros a cada proba do campionato galego de rallymix

Ribadumia (Pontevedra), 14 de xullo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acudiu este xoves á presentación da segunda edición do Rallymix de Ribadumia que terá lugar os próximos días 23 e 24 de xullo. Este ano a competición automobilística fai homenaxe ao habitual do Campionato de Galicia de Rallymix, falecido recentemente, Esteban "Epi" Pérez.

O mandatario galego encomiou nas súas verbas a labor de históricos coma Estanislao Reverter ou Santiago Ares para a apertura do camiño nesta disciplina en Galicia e a súa consolidación, dando así os seus froitos en forma de pilotos de elite, futuras promesas, e grandes eventos deportivos a nivel nacional e internacional na nosa terra.

Durante o seu discurso, o mandatario galego fixo alusión á relación que o viño, produto típico da terra, e a disciplina automobilística gardan, e á cal dende a propia organización do evento fan alusión nos carteis da proba deportiva e que representa a fereza, misterio ou a inmortalidade, valores representativos tamén da disciplina de rallymix.

A Xunta ven financiando todos os rallies do calendario galego nas distintas modalidades -asfalto, montaña e rallymix-, cunha achega de 125.500 euros do total de 167.000 euros destinados á federación no 2022 -un 1,5% máis que en 2021- destinando 2.500 euros a cada proba do campionato galego de rallymix.

O responsable de Deporte felicitou á escudaría Desguaces Tino Racing e Charlie Romeo e aos patrocinadores pola organización do II Rallymix Concello de Ribadumia, que por segundo ano consecutivo atópase incluído dentro do Campionato de Galicia de Rallymix. O trazado único da competición non será revelado ata poucos días antes da data de celebración do evento, como vén sendo habitual nesta disciplina, para evitar que os pilotos participantes adestren con anterioridade.

Imaxes relacionadas