A Xunta visita a sede do Corpo Nacional de Policía e o centro operativo de servizo da Garda Civil para a integración dos servizos telemáticos co Ciae-112 Galicia

A finalidade é comprobar a integración dos servizos de comunicación das aplicacións das FFCCSS do estado co aplicativo de xestión de incidencias do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia

A Estrada, 14 de xullo de 2022.-

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o xerente da AXEGA, Marcos Araújo, o xefe de Área, Diego Núñez, e persoal de operacións e tecnoloxía do CIAE-112 Galicia mantiveron un encontro, esta mañá, con axentes do Corpo Nacional de Policía, representados por Ramón Gómez Nieto, xefe superior da Policía Nacional en Galicia, e co tenente coronel, Julio González Chas, da Garda Civil, e que estivo coordinado por José Ignacio Arnaiz Velasco, do Centro Tecnolóxico de Seguridade (CETSE) do Ministerio do Interior.

 

Durante as reunións, que tiveron lugar na sede do corpo nacional de Policía e no Centro Operativo de Servizo da Garda Civil, na Coruña, comprobouse o funcionamento do servizo de comunicación telemática, o bus de integración, entre os distintos aplicativos tecnolóxicos das forzas e corpos de seguridade e o 112 Galicia.

 

Para iso, os diferentes grupos presentes puxeran en común, a través de reunións previas, a necesidade de poñer en marcha e integrar un sistema que poida xestionar a comunicación bidireccional entre os servizos.

 

A finalidade desta ferramenta é axilizar a comunicación entre os distintos corpos de seguridade e equipos de intervención, facilitando o acceso á información en tempo real. Coñecer as características dunha incidencia durante o seu transcurso favorece a xestión das emerxencias e permite unha actuación con máis precisión e rapidez.

Imaxes relacionadas