Lete Lasa saúda aos 150 judokas da Península concentrados en Marín no 33º Stage Internacional de Judo

No stage organizado grazas ao convenio entre as federacións galega e española e a colaboración da Xunta, participa a galega Laura Vázquez, actual subcampioa do mundo na súa categoría, e deportista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que xa prepara o próximo mundial

 

Marín (Pontevedra), 14 de xullo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu hoxe ao 33ª Stage Internacional de Judo de categoría júnior, tanto masculina coma feminina, se celebra ata mañá en Marín. Esta concentración internacional de tecnificación é posible grazas ao convenio de colaboración das federacións galega e española co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda da Xunta.

Neste evento organizado pola Federación Galega de Judo, os judokas galegos desfrutan desde hai varios anos da posibilidade de compartir experiencias e adestrar cos referentes nacionais e internacionais deste deporte.

No stage atópanse concentrados no pavillón do colexio CEIP San Narciso un total de 150 judokas (63 mulleres e 87 homes), e 24 técnicos (8 mulleres e 16 homes). Ademais da selección galega, na concentración figuran membros das seleccións española, catalana, balear e portuguesa.

O stage serve como preparación para o Mundial Júnior de Judo, na cidade de Guayaquil (Ecuador), no que participará a galega Laura Vázquez, actual subcampioa do mundo da súa categoría, que adestra como bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) en Pontevedra.

Imaxes relacionadas