A Xunta colabora na terceira edición da ‘Tripla Coroa Illas Atlánticas’, na que participarán 160 nadadores

O 10 de setembro, deportistas procedentes de diferentes puntos de España, Francia e Portugal cubrirán a nado un treito de 15 km entre as illas Cíes e Baiona


 Do Campo subliña a importancia deste tipo de probas deportivas como exemplo de equilibrio entre a preservación dos espazos naturais e os seus usos sostibles
 

 Vigo, 14 de xullo de 2022 A Xunta volverá colaborar un ano máis na competición deportiva internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas, que este ano chega á súa terceira edición e se estenderá ata 2024. A primeira proba, na que están inscritos un total de 160 nadadores procedentes de 12 comunidades e de países como Francia ou Portugal, foi presentada precisamente esta mañá na sede do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo.

 

Na rolda de prensa participou en representación do Goberno galego a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen sinalou que esta cita deportiva volverá contar co apoio loxístico e económico da Xunta.

 

O vindeiro 10 de setembro disputarase a primeira proba da terceira edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas 2022-2024, considerada unha das probas de natación máis longas e duras de toda Europa. Será un percorrido de 15 quilómetros por augas abertas entre a praia de Rodas, nas illas Cíes, e a de Ribeira, no municipio de Baiona, ao longo do que se despregará un completo dispositivo de seguridade e apoio aos nadadores.

 

Esta será a primeira das tres probas que integran esta edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, cun percorrido total de 57 km. A seguinte etapa, prevista para o ano que vén, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e tras 19 km de percorrido finalizará na praia ribeirense de Coroso. A terceira e última proba desta edición celebrarase no ano 2024 e será a máis larga: un total de 23 km en augas abertas entre a illa de Ons e Combarro, en Poio, pasando antes pola illa de Tambo.

 

Precisamente, Belén do Campo fixo fincapé no “espectacular percorrido” que lles agarda a todos os participantes nesta proba. Por iso, subliñou que máis alá da innegable transcendencia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo teñen importancia tamén porque son un exemplo de equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais.

 

Tras salientar o carácter internacional desta competición, do Campo subliñou que a travesía a nado prevista entre Cíes e Baiona servirá de escaparate promocional para dar a coñecer en todo o mundo as Illas Atlánticas, un espazo natural que, como lembrou, está moi vencellado ao mar xa que “o 85% da súa superficie protexida é mariña”.

 

De feito, explicou que o arquipélago de Cíes acollerá, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, unha serie de actividades medioambientais en paralelo á competición, nas que se contará coa colaboración do persoal do Parque e que terán como fin poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura. “E todo isto ademais coincidindo co ano no que conmemoramos o 20 aniversario da declaración destas illas como Parque Nacional”, declarou.

 

Neste sentido, o programa inclúe unha ruta guiada por Cíes que concluirá cunha acción de limpeza e recollida de residuos na praia de Rodas, que acollerá a saída da proba; e tamén se organizará unha visita guiada a Baiona para que os deportistas e os seus acompañantes poidan coñecer a fondo o casco histórico da vila e a carabela La Pinta. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen á illa.

 
 

Imaxes relacionadas