A Xunta activa unha alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense

O episodio comezará este mediodía con temperaturas de ata 42 graos que tamén se poden acadar localmente no sur da provincia ourensá

Tamén estarán en alerta laranxa hoxe por máximas de ata 39 graos o interior e o suroeste da provincia da Coruña; a zona de Valdeorras e o noroeste e sur de Ourense; o interior, a zona do Miño e as Rías Baixas, en Pontevedra

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía con temperaturas que poderán acadar os 42 graos. Tamén no sur da provincia ourensá se activará a alerta laranxa por máximas que localmente poden chegar a este valor.

O nivel de aviso laranxa tamén estará activo na xornada de hoxe por temperaturas máximas de ata 39 graos no interior e o suroeste da provincia da Coruña; na zona de Valdeorras e no noroeste e no sur de Ourense; e no interior, na zona do Miño e nas Rías Baixas, en Pontevedra.

Ademais, a alerta será de nivel amarelo no noroeste e oeste da Coruña; no centro e sur de Lugo; xunto coas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense debido a valores máximos de ata 36 graos. Tamén haberá alerta amarela no noroeste e oeste do litoral da Coruña por vento do este ou do noroeste forza 7.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

 

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos  e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.