A Xunta licitará este ano os proxectos dos novos Centros de Saúde de Boborás e Muíños
O desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria na área de Ourense continúa coa elaboración dos proxectos do centro de saúde de A Rúa e do novo CIS da cidade das Burgas
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca que todos os concellos con novos centros proxectados na provincia de Ourense achegaron proposta de parcelas, agás o de Allariz
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022
Na intervención no Parlamento, o conselleiro destacou “a vontade de colaboración da práctica totalidade de gobernos locais afectados na provincia de Ourense, que de seguido se puxeron en marcha para buscar parcelas e poder executar a planificación establecida no Plan”.
Comesaña remarcou “a axilidade dos concellos de Boborás e Muiños, que fixeron moi rápido propostas concretas de parcelas”, recibindo a preceptiva visita dos técnicos do Sergas para validalas e iniciar os trámites dos convenios. Deste xeito, Boborás xa remitiu á Consellería de Sanidade a escritura que acredita que xa se fixo co terreo, e Muíños xa mandou o iniciou do expediente da cesión. En vista desta celeridade, a Xunta iniciou xa o proceso de contratación e aprobou as encomendas de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas “para que licite este ano os proxectos arquitectónicos”.
O titular da carteira sanitaria dixo, tamén, que a execución do centro de saúde da Rúa está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas, que licitou en marzo o proxecto, e ten xa unha proposta de empresa adxudicataria, co cal “é cuestión de días que ese contrato se formalice e se comece a traballar no proxecto do novo edificio”.
Respecto do CIS de Ourense, a Xunta ten xa solicitada a licenza de obra ao concello para que, mentres a tramita, a adxudicataria poida rematar o proxecto de demolición do actual edificio e o de execución do futuro. Unha vez rematen eses procesos, “poderemos licitar a obra”, -dixo Comesaña-.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro foi detallando a situación dos novos centros proxectados, sinalando que “todos os concellos achegaron ao Sergas proposta de parcelas, agás o de Allariz”, nove meses despois de recibir a solicitude do departamento sanitario galego.
Para rematar a súa intervención, Comesaña remarcou que “a Xunta está a dar resposta a todos os concellos que amosan interese por recibir investimentos en materia de sanidade pública” e que, ademais, “estamos a compatibilizar o investimento nos centros de atención primaria con ter agora mesmo obras en marcha nos tres hospitais da área, o novo edificio de hospitalización no Hospital Universitario de Ourense; as reformas de farmacia, cirurxía maior e hospital de día en Valdeorras; e o novo edificio de urxencias en Verín”.