Preto de 600 galegos teñen os seus dispositivos cardioimplantables conectados á plataforma Telea

A Xunta iniciou esta integración nas áreas sanitarias da Santiago e Lugo, e prevé estendela ás sete áreas antes de rematar o ano

Neste ano, tamén se iniciará a conexión dos dispositivos de control de pacientes con diabetes e de hemodiálise domiciliaria

TELEA permitiu recoller máis de 2,5 millóns de variables clínicas e foi avaliada moi positivamente polos seus usuarios
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou esta tarde, no Parlamento de Galicia, o obxectivo da Xunta de estender o uso da Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA), ao maior número de pacientes e patoloxías posibles.

Entre os pacientes que se benefician da monitorización por medio de Telea destacan as persoas que contan con dispositivos cardioimplantables, cuxa interconexión coa plataforma do Sergas permite realizar un seguimento automático da súa evolución, ao tempo que se rexistra na historia clínica dos pacientes toda a información.

Neste senso, o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que, trala integración efectuada nos últimos meses, na actualidade xa son 588 os pacientes cardioimplantados, -das áreas sanitarias de Santiago e Lugo-, que están a ser monitorizados, de xeito remoto, por este sistema.

Segundo anunciou o conselleiro, a Xunta estenderá de forma inmediata este servizo ás áreas sanitarias da Coruña, Ourense e Vigo. Ademais, está previsto que antes de que finalice o ano, tamén se conecten con Telea os cardiodispositivos dos pacientes das áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra.

“Este mellora tecnolóxica, incide na calidade da prestación da atención e tamén achega unha maior comodidade para os doentes, dado que xa non terán que ir ao hospital cada seis meses para realizar a descarga da información”, incidíu García Comesaña. Así, soamente serán chamados se se detecta algún tipo de anomalía no seu seguimento semestral, ou se o dispositivo envía algún tipo de alerta ao longo do día.

Próximas conexións con Telea : diabetes e hemodiálise domiciliaria

O titular de Sanidade remarcou “a aposta decida da Xunta de Galicia pola implantación de ferramentas novidosas que melloren a atención dos doentes e o traballo dos profesionais”. Nesta liña, adiantou que o departamento que dirixe xa está a traballar en estender a conexión de Telea con dispositivos vencellados a outras patoloxías.

En concreto, no presente ano comezará a integración dos dispositivos de control dos pacientes diabéticos da área sanitaria da Coruña, sempre que dispoñan de bombas de insulina ou outros mecanismos de medición continua de glucosa. Este integración, estenderase de seguido ao resto de áreas do Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, abundou o conselleiro, “o terceiro campo de traballo de conexión de dispositivos con Telea será o da hemodiálise domiciliaria, un proxecto que tamén verá a luz antes de final de ano, neste novo modelo de interoperabilidade”.

Nesta liña, e de acordo ao bo funcionamento e efectividade da Plataforma, a Xunta segue a procurar novos ámbitos para Telea, como poden ser o seguimento en centros sociosanitarios, o seguimento farmacéutico, ou o de pacientes que precisen de rehabilitación cardíaca.

Por outra banda, de xeito complementario a estas actuacións de conectividade dos dispositivos, tamén se atopa en desenvolvemento a carpeta persoal de saúde (PHR). Esta plataforma intégrase co aplicativo E-saúde e complementa a TELEA, xa que permite que calquera cidadá galego, de forma proactiva, rexistre e comparta cos seus profesionais sanitarios calquera información relevante da súa saúde: desde variables clínicas ata informes sanitarios de interese, pasando por imaxes anatómicas, ou mesmo o exercicio físico que estea realizando e rexistrando a través de aplicacións móbiles.

Telea, unha plataforma de éxito

Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro de Sanidade apuntou que Galicia é a única rexión europea que conta cunha plataforma de teleasistencia e telemonitorización integrada na súa historia clínica electrónica, e que é accesible desde todos os niveis asistenciais: atención primaria, hospitais e residencias sociosanitarias.

Recentemente, Telea vén de ser galardoada co Premio IESE-Novartis á excelencia operativa en xestión sanitaria, como unha das tres mellores medidas nacionais na categoría de “Iniciativas innovadoras de xestión baseadas en Novas Tecnoloxías da Información e o Coñecemento. Así mesmo, no mes de febreiro foi recoñecida pola Comisión Europea como unha boa práctica a transferir a outros países membros da UE.

O sistema de telemonitorización do Servizo Galego de Saúde leva desde 2015 optimizando a relación entre os pacientes e os profesionais do Sergas, facilitando o seguimento do seu estado de saúde, dun xeito áxil, eficaz e sen necesidade de desprazamentos. Así, na actualidade realiza un seguimento diario a máis de 6.000 de pacientes con máis de 16 patoloxías crónicas.

 

Desde que comezou a súa implantación, a plataforma monitorizou xa a máis de 432.000 doentes, dos que rexistrou máis de 2.585.000 variables clínicas. Entre estas variables atópanse a tensión arterial, o peso, a temperatura, a glucosa en sangue, o grao de saturación de osíxeno, ou o INR que mide o tempo de coagulación do sangue.

Ademais, e no que atinxe ao seguimento de patoloxías crónicas, -obxectivo inicial desta plataforma-, actualmente están en seguimento 417 pacientes con hipertensión; preto de 200 que precisan control do INR; 126 nos que se monitoriza a súa insuficiencia cardíaca e outros 200 que se reparten entre persoas con diabetes (73), con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (40) e outros doentes crónicos complexos (87).

Por último, cómpre salientar a positiva avaliación que ten Telea por parte dos seus usuarios, ao tratarse dun sistema áxil, ficaz, e cuxa accesibilidade é extremadamente sinxela, ao poder realizarse a través do móbil ou de calquera outro dispositivo.