A Xunta avoga pola formación dos profesionais de socorrismo para garantir a seguridade dos bañistas

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, lembrou hoxe no Parlamento galego que a contratación de socorristas é un asunto de competencia estritamente municipal e o Goberno galego regula a formación que deben reunir para prestar un servizo seguro e de calidade


A AGASP, entre outras institucións, ofrece cursos de adaptación necesarios para acceder ao Rexistro Profesional de Persoal Socorrista de Galicia


O Goberno galego aprobou o ano pasado un novo decreto que mantén o certificado de profesionalidade como eixe central e incrementa as vías de acceso para dar cobertura á demanda
 

 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento galego a importancia de que os profesionais de socorrismo conten coa formación adecuada para garantir a seguridade dos bañistas neste verán e ofrecer un servizo seguro e de calidade.

Por iso, incidiu na implicación da Xunta para colaborar coas entidades locais no regulamento da formación dos socorristas se ben, como lembrou, a contratación destes profesionais é unha competencia estritamente municipal. De todas formas, o Goberno galego colabora tamén neste eido cos municipios galegos, ao igual que vén facendo con outros colectivos como os servizos de emerxencias, e destinou este ano 1,5 millóns de euros en axudas aos concellos, que permitiron sufragar a contratación de 453 persoas desempregadas como socorristas.

Cómpre lembrar que a Xunta publicou o pasado novembro o decreto para regular a formación e as condicións esixibles para o desempeño das funcións de prevención e socorrismo tanto nos espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) como nas instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) de Galicia.

Coa aprobación deste decreto, a Xunta aposta pola profesionalización na prestación deste servizo mantendo o certificado de profesionalidade como eixe central e incrementando as vías de acceso  ao Rexistro Profesional de Persoal Socorrista de Galicia co obxectivo de que se aumente o número de persoas que podan realizar esta actividade en Galicia, salvagardando en todo momento os estándares de calidade e capacitación xa establecidos na normativa anterior.

Deste xeito, flexibilízanse e auméntanse as posibilidades a través dos cursos de adaptación para que se poidan acoller o maior número de persoas e conseguir un número suficiente de profesionais que dean cobertura na nosa comunidade á crecente demanda de socorristas.

Así, o decreto regula a formación que debe reunir o persoal que exerza as funcións de prevención e socorrismo. Ás titulacións de Grao de INEF e Técnico deportivo ou Salvamento e socorrismo do anterior decreto engádense as de Técnico Superior en ensinanza e animación deportiva e Técnico Superior en acondicionamento físico. Ademais no caso de ter superado determinadas materias destas titulacións permítese realizar un curso de 80 horas de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo que, entre outras institucións, imparte a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O persoal socorrista e o persoal auxiliar deben estar en posesión da cualificación mínima requirida que deberá acreditarse no momento de solicitar a inscrición e estar inscritos no rexistro profesional do persoal socorrista, información e primeiros auxilios de Galicia. A formación mínima para o acceso a dito rexistro, constitúe a referencia máis importante, dado que vén a supoñer o establecemento duns estándares de calidade e capacitación para o desenvolvemento da profesión na comunidade galega.

Nesta liña, o vicepresidente segundo da Xunta incidiu en que o déficit de socorristas non ten que ver coa súa preparación porque o novo decreto reduce os requisitos abrindo novas vías de formación que permitan igualmente garantir a seguridade. Ademais, entre as opcións de formación, xunto con universidades, entidades locais e outros centros acreditados, a AGASP ofrece de xeito gratuíto os cursos de adaptación, como os cinco realizados ao longo deste ano. A Academia tamén imparte cursos de reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas e en espazos acuáticos naturais e de primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias. En total, 12 módulos neste exercicio.

Por outra banda, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade convoca de forma anual cursos de formación, tamén gratuítos, para a obtención dos certificados de profesionalidade.

De feito, actualmente no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia están dados de alta 2.500 persoas que poden exercer esta actividade na comunidade. Cómpre indicar tamén que 1.100 persoas contan co certificado de profesionalidade de socorrismo, das que precisamente 617 delas pola vía da formación e as 493 pola vía do recoñecemento da experiencia acreditando 3 anos de experiencia laboral nos últimos 10 anos, ampliado a 15 na actualidade.


Ademais o novo decreto creou a figura de auxiliar de socorrista reducindo o número de socorristas necesarios para realizar labores complementarias de atención aos bañistas como asistencia sanitaria, permitindo que o socorrista se dedique principalmente a labores de salvamento.