O presidente da Xunta mantivo un encontro con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria

A Xunta solicita un informe independente para reforzar a súa demanda de transferencia inmediata das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre

O Executivo galego defende que esa cesión das competencias pode facerse sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia e encargou un ditame ao Consello Consultivo de Galicia para coñecer a súa opinión sobre esta cuestión

Alfonso Rueda traslada ao sector do mar o apoio da Administración galega na defensa dos seus intereses ante os plans do Goberno central para eliminar calquera vestixio de presenza humana no litoral

Galicia censura que a administración da costa se decida a 600 quilómetros da comunidade e que se estean a poñer en marcha de xeito pouco transparente distintos proxectos que pretenden restar dereitos ás empresas e ao conxunto da cidadanía
 

Vigo, 13 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria no que lles trasladou que o Executivo galego vai solicitar un informe independente ao Consello Consultivo de Galicia para reforzar a súa demanda ao Estado de transferencia inmediata das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre en territorio galego.

 

Nesa xuntanza, na que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que os servizos xurídicos da comunidade entenden que se pode facer esa transferencia sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia. Por tanto, podería executarse vía decreto ou como lei orgánica.

 

A Xunta trasladou aos responsables da Confederación Mar-Industria Alimentaria o seu apoio na defensa dos intereses do sector do mar e a súa vontade de asumir as competencias o antes posible para xestionar o litoral en consonancia coa realidade galega. Nesta liña, incidiu en que Galicia non se entende sen o seu mar nin sen toda a actividade que se desenvolve ao seu arredor.

 

O presidente e as conselleiras censuraron a actitude do Goberno central desde o ano 2018 e a súa pretensión de eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa sen avaliar as consecuencias que esas decisións poden ter na economía e na poboación das zonas costeiras.  

 

Eses plans, lembraron, comezaron tratando de modificar o regulamento xeral de Costas para erradicar calquera tipo de actividade na liña marítima e que, aínda que a contestación social obrigou a paralizalos, recuperounos “pola porta de atrás” coas modificacións introducidas na Lei de cambio climático, coa que limitou a duración máxima das concesións a 75 anos, “o que non só pon en risco a actividade das empresas do sector, senón que lles xera tamén inseguridade xurídica”.

 

Agora insiste nesa pretensión de deixar libre a costa co Plan Estratéxico do Litoral e coa modificación do regulamento xeral de Costas, aos que a Xunta vai presentar as correspondentes alegacións en base a argumentos sólidos e informes de impacto que permitan frear os plans do Executivo estatal. Non obstante, a Xunta lembra que unicamente a Administración galega pode facer alegacións ao Plan Estratéxico do Litoral, o que mostra o escurantismo co que está a actuar o Goberno central pois non quere participación do conxunto da cidadanía nin transparencia.

 

Por iso, a Xunta está a trasladar esta cuestión aos concellos do litoral e tamén ás entidades afectadas para que se rearmen e tratar de parar o proxecto do Goberno central “coa forza social, a acción política e a vía lexislativa”. Nesta liña, o Executivo galego cuestiona a xestión que se está a levar do litoral de Galicia a máis de 600 quilómetros da costa e reivindica a capacidade da comunidade para administrar de xeito sostible os seus recursos naturais.

Imaxes relacionadas