A Xunta convoca o bono de alugueiro social, que poderán pedir desde mañá os colectivos vulnerables para cubrir o 100% do custo da súa vivenda habitual

Como principal novidade, increméntanse as contías máximas das axudas previstas, que poderán chegar ata os 660 € ao mes fronte aos 540 € da convocatoria anterior

Entre os potencias beneficiarios desta prestación están os afectados por demandas de desafiuzamento ou de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero ou de trata, persoas en situacións de emerxencia social ou mozos tutelados pola Xunta

A subvención concederase por un período de 12 meses consecutivos, susceptible das correspondentes prórrogas, ata acadar unha duración máxima de 5 anos
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.-

O bono de alugueiro social poderá solicitarse a partir de mañá en Galicia despois de que hoxe mesmo saíra publicada no DOG a resolución pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas e se procede á súa convocatoria.

 

Deste xeito, a Xunta seguirá asumindo o 100% do importe do arrendamento das persoas beneficiarias, colectivos vulnerables e persoas con escasos recursos económicos e que, polo tanto, poder ter dificultades para manter a súa vivenda habitual.

 

A principal novidade recollida na resolución é que, por primeira vez, se prevé a posibilidade de incrementar nun 20% a contía máxima da renda de alugueiro e polo tanto, do bono, cando a unidade de convivencia do solicitante estea composta por 5 ou máis persoas. Tamén se aplicará esta mesma porcentaxe se un dos membros da unidade familiar precisa dunha vivenda adaptada.

 

Na práctica, isto traducirase en que a contía máxima do Bono de alugueiro social se incrementará ata os 660 euros ao mes fronte aos 540 euros fixados como contía límite das axudas na convocatoria anterior.

 

O Bono de alugueiro social concederase por un período de 12 meses consecutivos, aínda que poderán pedirse ata 4 prórrogas. Deste xeito, os beneficiarios terán dereito a percibir esta axuda ao alugueiro durante un total de 5 anos, como máximo.

 

Case 15 M€ en 5 anos

Cun orzamento inicial de 11,2 millóns de euros para todo o período, a convocatoria do Bono de alugueiro social faise de forma continuada e permanente ata 2026 ou ata o esgotamento do crédito dispoñible. Así mesmo, destinaranse 3,7 millóns de euros ás prórrogas de concesións anteriores para garantir e atender a estes beneficiarios nas mesmas condicións que fixa o novo programa.

 

Deste xeito, a Xunta mobilizará a través do Bono de alugueiro social case 15 millóns de euros para atender as necesidades residenciais de familias galegas vulnerables durante os vindeiros 5 anos.

 

O obxectivo deste programa —impulsado en 2015 e que ata agora permitiu axudar a unhas 2.000 familias con recursos limitados— é facilitar un fogar en alugueiro a determinados colectivos desfavorecidos, como afectados por unha demanda de desafiuzamento ou un procedemento de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero e mulleres que sofren trata con fins de explotación sexual, persoas privadas do seu fogar por causas sobrevidas ou que se atopen en situación de emerxencia social, e mozos tutelados pola Xunta unha vez acaden a maioría de idade, entre outros.

 

Para poder acceder a estes incentivos, os solicitantes deberán acreditar que os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a 1,5 veces o Iprem ponderado —12.159.42 euros—. Esta contía irá incrementándose en función do número de membros da familia e doutras circunstancias particulares, ata acadar, como máximo, os 20.265,7 euros anuais.

 

Co fin de paliar este tipo de situacións e axudar a colectivos vulnerables a conservar o seu fogar, os beneficiarios do bono terán dereito a recibir unha prestación equivalente á totalidade da renda que figure no seu contrato, sempre que esta non supere o límite fixado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para cada zona xeográfica.

 

Deste xeito, nas 7 grandes cidades o importe a pagar será de, como máximo, 550 euros ao mes; nos concellos de tamaño medio e localizados en contornas urbanas, estará fixado en 500 euros; e no resto de municipios, o límite será de 425 euros.

 

En todo caso, como xa se indicou, estas contías incrementaranse nun 20% cando a unidade de convivencia do beneficiario necesite dispoñer dunha vivenda adaptada ou estea integrada por 5 ou máis membros. Nestes supostos, polo tanto, o importe da axuda poderá chegar ata os 660, 600 ou 510 euros respectivamente e segundo a zona.

 

Ademais, os perceptores desta prestación poderán recibir unha axuda complementaria de ata 600 euros destinada a pagar os gastos asociados á constitución dun novo contrato de alugamento —fianza, alta de subministros, etc.— ou ben no caso de permanecer na vivenda obxecto de desafiuzamento, a atender as cantidades pendentes que motivaron o inicio do procedemento.

Imaxes relacionadas