Mariscos Alumar recibe o certificado Galicia Calidade para os seus produtos

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, fixo entrega do distintivo de calidade aos propietarios da empresa pontevedresa

Barro (Pontevedra), 13 de xullo de 2022.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a Mariscos Alumar, unha planta de procesado de mexillón que traballa un produto nobre, como é o mexillón, e que busca continuar así coa súa transformación ata chegar ao consumidor final, ofrecendo a máxima calidade posible.

 

O selo, con validez para os próximos tres anos, permitirá á empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

 

Manuel Heredia destacou a experiencia destes produtores de mexillón, sendo a primeira xeración de bateeiros en Galicia desde 1959, e agradeceulles que sigan transmitindo valores como o respecto polo entorno e o contacto directo coa natureza de xeración en xeración.

 

Por outra banda, Ana Méndez aproveitou esta xuntanza para destacar o conxunto das 150 empresas certificadas con máis de 750 produtos e servizos co selo de garantía, que engloba os sectores agroalimentario, marítimo, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas