A Xunta activa unha alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense

Tamén estarán en alerta laranxa hoxe o sur de Lugo por máximas de ata 41 graos, así como o noroeste e o sur de Ourense e o interior e a zona do Miño na provincia de Pontevedra con temperaturas que poden chegar aos 39 graos

Para mañá está previsto outro aviso de nivel laranxa por máximas ata os 39 graos no interior da provincia da Coruña; no noroeste e nas zonas do Miño e de Valdeorras de Ourense; e no interior e na zona do Miño de Pontevedra

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.-

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense.

 

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía con temperaturas que poderán acadar os 42 graos.

 

Ademais, estará activa no día de hoxe a alerta laranxa por temperaturas que poden chegar ata os 41 grados no sur de Lugo e aos 39 graos no noroeste e o sur de Ourense e no interior e a zona do Miño na provincia de Pontevedra.

 

Tamén para mañá está prevista outra alerta laranxa con máximas ata os 39 graos no interior da provincia da Coruña; no noroeste e nas zonas do Miño e de Valdeorras de Ourense; así como no interior e na zona do Miño de Pontevedra.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

 

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

 

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos  e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.