A Policía Autonómica esclarece dous incendios nos concellos de Ourense e Cenlle

Os dous lumes producíronse ao saltar chispas da maquinaria empregada polas persoas investigadas para traballos de roza

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 31 persoas como presuntas autoras de incendios forestais
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

A Policía Autonómica esclareceu dous incendios acontecidos o pasado sábado, 6 de xullo, no concello de Ourense, e ao día seguinte no municipio de Cenlle, tamén na provincia ourensá.

 

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica da sede de Ourense, resolveron, por unha parte, a autoría dun lume na parroquia de Seixalbo do concello de Ourense que afectou a 0,35 hectáreas de superficie rasa. Tamén esclareceron outro lume no lugar de Xubín da parroquia de Razamonde no municipio de Cenlle que afectou 0,01 hectáreas de monte arborado.

 

Ambos lumes tiveron unha orixe común e producíronse ao saltar chispas dos discos metálicos de maquinaria empregada polas 2 persoas investigadas para traballos de roza. Na súa extinción participaron 2 axentes, 5 brigadas e 3 motobombas.

 

As dilixencias foron remitidas aos Xulgado de Instrución de Garda de Ourense e Ribadavia, respectivamente.  

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 31 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. 

 

Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.