Arranca un novo curso de verán no que o ‘Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’ presentará algunhas das posibilidades máis punteiras

O secretario xeral de Política Lingüística participa na inauguración desta iniciativa na que se tratarán liñas de traballo impulsadas conxuntamente pola Xunta e as universidades galegas

Ata o 15 de xullo contarase coa participación de representantes de empresas como Google, Microsoft, Vicomtech ou Imaxin Software, entre outros

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración do curso de verán Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago a través do Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e coa colaboración de Microsoft.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia da intelixencia artificial aplicada ás tecnoloxías das linguas como está a demostrar o Proxecto Nós ao que cualificou como “punteiro” ao situar o galego “na vangarda e accedendo a ser unha das linguas dos automatismos nun novo xeito de comunicar e da modernidade”.

Puxo de manifesto, ademais, o bo ritmo do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da Lingua Galega que está xa na súa segunda fase na que os investigadores avanzan xa co traballo de campo para deseñar prototipos dos recursos, experimentar cos primeiros demostradores e crear bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións. 

Xunto ao secretario xeral tamén interviron Gabriel López, director de Asuntos de Regulatorios de Microsoft; Mª José López, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC; David Losada, subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría), e Elisa Fernández e Alberto Bugarín, codirectores do curso e dous dos investigadores principais do Proxecto Nós.

Charlas e mesas redondas

Durante as vindeiras xornadas darase a coñecer as posibilidades que ofrecen a intelixencia artificial e as tecnoloxías lingüísticas para a creación de ferramentas, aplicacións e servizos de uso cotián como son os sistemas de tradución automática, a corrección de texto ou os asistentes virtuais. A través de distintas charlas, mesas redondas e talleres expoñeranse contidos sobre os fundamentos científicos da intelixencia artificial e das tecnoloxías lingüísticas, xunto coas bases tecnolóxicas das aplicacións e as súas posibilidades de uso dun xeito accesible e atractivo. O Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da Lingua Galega é o impulsor deste curso, polo que gran parte dos asuntos son tamén sobre os que están a traballar os investigadores do proxecto.

Ademais de representantes do ámbito académico tamén se conta con integrantes de empresas de referencia no eido tecnolóxico, como Google ou Microsoft no ámbito internacional, centros tecnolóxicos como Vicomtech no ámbito estatal ou Imaxin Software no ámbito galego.
 
Esta actividade está dirixida a todo o público en xeral, e especialmente a persoas interesadas nas aplicacións e servizos da intelixencia artificial e as tecnoloxías da linguaxe. De forma non exclusiva, estudantes de secundaria, universitarias/os (dos eidos tecnolóxicos, humanísticos e ciencias sociais) e persoas que na súa actividade profesional utilizan ferramentas baseadas nas tecnoloxías da linguaxe.

Imaxes relacionadas