A Xunta pon en valor o seu compromiso na loita contra a discriminación múltiple da muller e as violencias sexuais con instrumentos legais e administrativos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou nun curso de verán en Lalín sobre igualdade de oportunidades

Dixo que a Xunta está a adaptar as súas políticas ás novas realidades e que conta para elo co VIII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades dotado con 900M€ ata 2027 e a nova Lei de Igualdade, en fase de elaboración

Anunciou que o Goberno galego intensificará as medidas de apoio ás vítimas de violencia sexual con centros de atención 24 horas e o traballo no ámbito educativo
 

Lalín (Pontevedra), 12 de xullo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Lalín (Pontevedra) no inicio do curso de verán XXVII Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0 onde lembrou a aposta do Goberno galego pola loita contra a violencia de xénero e a busca da igualdade efectiva por medio de instrumentos como a nova lei de igualdade ou o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades, cos que se combaterán as discriminacións múltiples, a violencia sexual e se dotará de recoñecemento de dereitos ás mulleres rurais e do mar.

A secretaria xeral recordou que a comunidade galega “é pioneira na promoción de políticas públicas e no impulso de instrumentos legais dirixidos a eliminar as distintas formas de discriminación por razóns de xénero, avanzar na supresión dos atrancos que impiden o pleno desenvolvemento das mulleres nas distintas esferas e combater as diferentes expresións e as novas formas que adopta a violencia de xénero”.

No acto de Lalín, López Abella referendou o compromiso da administración galega para seguir a traballar nesta liña con novas ferramentas como o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes recentemente aprobado, e que constituirá o instrumento guía que marcará o rumbo das políticas de igualdade no horizonte 2027, con 900 millóns de euros de orzamento. “O VIII Plan Estratéxico servirá de marco programático ao traballo da Administración autonómica pola igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos, co obxectivo último de eliminar a desigualdade estrutural da sociedade e as brechas de xénero que aínda persisten”, dixo.

Este plan, ademais de afondar nos logros dos últimos anos, quere avanzar en novas dimensións da igualdade mediante políticas específicas e xerais con perspectiva de xénero para contribuír, remarcou López Abella, á cohesión social, á dinamización económica e ao desenvolvemento sustentable de Galicia.

Un dos puntos fortes das políticas de igualdade da Xunta, subliñados por López Abella, é a transversalidade e a atención á diversidade da sociedade galega e a das mulleres en particular. Neste senso, a Xunta, segundo relatou, afronta a loita contra as discriminacións múltiples que padecen as mulleres (relacionadas coa discapacidade, os coidados, a residencia en contornas rurais...) que tamén aparecerán reflectidas na nova Lei de Igualdade de Galicia en fase de elaboración.

“Na nosa aposta pola igualdade non vai quedar ninguén atrás, o lugar de residencia e o medio de vida non pode representar un obstáculo engadido á desigualdade estrutural que sofren as mulleres”, indicou a secretaria xeral, quen puxo en valor que a Xunta vaia impulsar políticas públicas que incidan de xeito especial na eliminación dos obstáculos que agravan as desigualdades para as mulleres rurais e do mar.

O Goberno galego está a adaptar os mecanismos xurídicos e administrativos de xeito constante para contribuír á erradicación de todas as expresións da violencia. As dúas modificacións recentes da lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, así o testemuñan ao ter incorporado a violencia vicaria e dixital como violencia de xénero, o que a xuízo de López Abella, supón “unha mellora da resposta institucional ás distintas situacións ás que o sistema de protección vixente”.

Contra as violencias sexuais

Na mesma liña, referendou a secretaria xeral da Igualdade, e en paralelo coas recomendacións do Convenio de Istambul, o Goberno galego está comprometido en visibilizar e combater todas as violencias sexuais contra as mulleres, intensificando xa nos últimos tempos as iniciativas de apoio e asistencia ás vítimas de agresións sexuais enfocadas á reparación do dano, medidas que cristalizarán na articulación dun sistema de recursos especificamente dirixidos á intervención.

 

A Xunta creará centros de atención ás 24 horas do día (un por provincia) para brindar un recurso extra de asistencia a estas persoas. Ademais, indicou López Abella, “traballarase neste ámbito a partir dunha estratexia de prevención e sensibilización, desde o ámbito educativo, para afianzar valores de igualdade entre os sexos, derrubar falsos mitos sobre a sexualidade e identificar e erradicar condutas violentas e actitudes discriminatorias por razóns de xénero na contorna escolar”, anunciou López Abella.

Imaxes relacionadas