A Xunta activa unha alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense
O episodio comezará previsiblemente cara o mediodía con temperaturas que poden chegar ata os 42 graos
Tamén estarán en alerta laranxa por temperaturas máximas entre os 37 e os 39 graos o noroeste e o sur da provincia de Ourense, o interior e o suroeste da Coruña e o interior, a zona do Miño e as Rías Baixas, na provincia de Pontevedra
A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense.
Ademais, estará activa a alerta laranxa tamén por altas temperaturas no noroeste e o sur da provincia de Ourense, no interior e no suroeste da Coruña, así como no interior, na zona do Miño e nas Rías Baixas, na provincia de Pontevedra. Neste caso, as temperaturas oscilarán entre os 37 e os 39 graos.
Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.
Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.