O presidente da Xunta interveu nun almorzo-coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección

Rueda pide ao Goberno central que se comprometa con Galicia achegando fondos europeos á industria, dentro ou fóra dos Perte

Advirte que, segundo o reparto destes fondos, Galicia arríscase a quedar á zaga fronte a outros territorios ou, pola contra, ir á vangarda

Defende a candidatura sólida presentada con proxectos estratéxicos, como o de Stellantis en Vigo, Showa Denko na Coruña, Altri en Palas de Reis ou o de Reganosa e EDP Renovábeis nas Pontes

Apunta como un dos retos actuais da empresas o incremento de presenza feminina en postos directivos Galicia e salientan neste eido o programa Emega da Xunta, que mañá lanzará unha nova convocatoria con 4,3 M€, un 34% máis co pasado ano

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reclamoulle hoxe ao Goberno central que amose o seu compromiso coa industria galega na asignación dos Next Generation. Dentro ou fóra dos Perte ou con fórmulas que considere máis axeitadas, pero con compromiso, enfatizou durante a súa intervención no almorzo-coloquio celebrado pola Asociación para el Progreso de la Dirección, en Santiago de Compostela.

Neste foro, Rueda advertiu que, segundo o nivel de compromiso que demostre o Executivo central no reparto destes fondos europeos para a industria, Galicia arríscase á quedar á zaga ou, pola contra, ir á vangarda con respecto outros territorios.

Neste senso, defendeu que Galicia cumpriu co que se lle pediu desde o Goberno de España e construíu unha candidatura sólida aos fondos europeos para a industria, conformada por proxectos estratéxicos con potencial para a transformación da nosa economía. Entre eles, apuntou á plataforma de vehículos eléctricos de Stellantis, en Vigo; á fábrica de ánodos de grafito de Showa Denko, na Coruña; á de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; ou á planta de hidróxeno verde que quere erguer Reganosa e EDP Renovábeis nas Pontes.

En todo caso, garantiu que, dentro das competencias da Administración autonómica, a Xunta seguirá a traballar por reducir as numerosas incertezas que, segundo o titular do Executivo galego, se albiscan no horizonte. No entanto, ante esta situación, salientou que Galicia está nunha posición máis sólida para afrontar o futuro, grazas á solvencia das súas contas públicas e á captación de investimentos.

Ademais, puxo en valor que o Goberno galego se move sempre por facilitar a actividade económica, e non obstáculo. Neste senso, apuntou que nos últimos anos a Xunta conseguiu reducir á metade os prazos para a implantación de novos proxectos industriais en Galicia; creou dúas novas figuras para facilitar o asentamento de proxectos industriais estratéxicos e empresariais prioritarios; e é a única CC.AA promotora de solo industrial que bonifica o seu prezo.

Consecuentemente, concluíu que Galicia está á altura dos retos que afrontan as empresas, entre os que citou a transición ecolóxica, maior capacidade innovadora e o incremento da presenza feminina en postos directivos.

Aumento dun 34% da partida dos Emega de emprendemento feminino

A este respecto, Alfonso Rueda salientou que Galicia é a segunda comunidade con maior presenza feminina na alta dirección e salientou o programa Emega de emprendemento feminino neste “seguir avanzando” para que ningunha muller, polo feito de selo, atope trabas para se incorporar ao postos de traballo máis destacados do empresariado.

Precisamente, finalizou a súa intervención adiantando que mañá mesmo a Xunta de Galicia lanzará unha nova convocatoria deste programa, no que se investirá este ano 4,3 millóns de euros, o que supón un 34% máis que na edición anterior.

Imaxes relacionadas