Fernández-Tapias dá a benvida á tripulación do “Juan Sebastián Elcano” na celebración en Baiona do 500 aniversario da Circunnavegación da Terra

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na recepción ofrecida á tripulación do buque-escola, que fondeou na baía baionesa nove anos despois, antes de finalizar en Marín o seu XCIV Cruceiro de Instrución

Vigo, 11 de xullo de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na recepción ofrecida á tripulación do “Juan Sebastián Elcano” con motivo do 500 aniversario da Circunnavegación da Terra. A representante autonómica acudiu á visita a bordo do buque-escola, onde realizou un percorrido guiado polo comandante Manuel García Ruiz.

 

“O mar abre horizontes, é a vía de transmisión doutras culturas, outras formas de vivir… como ben coñecemos desde hai 530 anos cando o carabela “A Pinta” chegou a Baiona. Tan só 30 anos despois, Elcano lograba realizar a primeira circunnavegación á Terra, dous feitos da máxima importancia histórica que hoxe conmemoramos como merece“, sinalou Fernández-Tapias.

 

Tras a recepción no buque, as autoridades acudiron á Casa da Navegación onde celebrouse un intercambio de metopas e a entrega da escultura conmemorativa da figura de Juan Sebastián Elcano coa que a Armada Española celebra o V Centenario, unha figura que quedará exposta de maneira permanente no museo baionés.

 

Tras chegar a primeira hora deste luns á baía de Baiona procedente da Coruña, o barco fondeou durante varias horas antes de partir de novo para finalizar o seu XCIV Cruceiro de Instrución en Marín. A bordo, viaxan 73 gardamarinas que completan así a súa formación.

Imaxes relacionadas