A Xunta asina un convenio con Fademga e Down Galicia para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na Administración
O acordo asinado hoxe contempla accións de formación e orientación previas ao ingreso na Administración e accións de apoio ao longo da súa carreira profesional
O Goberno galego desenvolverá cursos de formación específicos e apoiará os procesos de inserción no entorno laboral así como o seguimento do desempeño laboral
Neste 2022, a Xunta convocou procesos selectivos para 28 prazas de persoal subalterno e 5 de auxiliar administrativo para persoas que acrediten discapacidade intelectual que se suman aos 30 empregados públicos que xa tomaron posesión
A Xunta, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, asinou hoxe un convenio coa Federación Galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) e coa Federación Down Galicia para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na Administración e seguir así avanzando no camiño da plena integración.
Unha traxectoria pioneira
O Goberno galego leva anos preocupado por impulsar a inserción laboral e a formación do colectivo de persoas con discapacidade para a súa inclusión plena e efectiva. Foi o primeiro en impulsar unha convocatoria de emprego público para persoas con discapacidade intelectual, da man das asociacións e entidades que traballan a favor de este colectivo.
O proceso segue adiante e consolidándose e, deste xeito, en marzo deste mesmo ano, convocáronse os procesos selectivos para 28 prazas de persoal funcionario subalterno e 5 prazas de auxiliar administrativo para persoas que acrediten discapacidade intelectual.