A Xunta publica no DOG a aprobación das expropiacións para completar a mellora da PO-234 entre Cerdedo–Cotobade e Ponte Caldelas, cun investimento de máis de 1 M€
Actuarase na vía entre Laxoso e o cruce do Portasouto, incluíndo a mellora dos itinerarios peonís, da calzada e dos seus elementos para reforzar a seguridade viaria
Intervirase na corrección do trazado e ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho, ademais de mellorar as interseccións dos viarios públicos coa estrada autonómica
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanzará neste ano no procedemento expropiatorio de modo que as obras se poidan executar en 2023
Esta nova intervención da Xunta completará o acondicionamento desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, estando xa executadas dúas fases anteriores cun investimento autonómico de preto de 1,25 M€
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación das expropiacións para executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce do Portasouto, no concello de Ponte Caldelas, que suporán un investimento superior a 1 M€.
Esta nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/AlzzVMd.
O Consello da Xunta autorizou o pasado 23 de xuño as expropiacións dos predios necesarios para levar a cabo estas actuacións, no tramo de preto de 1,6 km da PO-234, entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.
O departamento de Infraestruturas da Xunta avanzará neste ano no procedemento expropiatorio, co obxectivo de poder executar as obras no 2023. A actuación ten un prazo de execución de oito meses.
Mías en detalle, as actuacións comezarán polos traballos de mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, acadándose 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria.
Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.
Con esta actuación o Goberno galego completará o acondicionamento desta estrada autonómica que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, no municipio de Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 M€.
A execución da mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está a disposición dos veciños o tramo mellorado entre o cruce do Portasouto e Aguasantas e tamén está acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.
A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios