O ciclo de exposicións ‘Retratos: Familia e Infancia’ da Xunta inaugura unha nova mostra de man de Manaia

Os paneis informativos que a conforman recollen e destacan o traballo realizado a diario pola asociación galega de adopción e acollemento

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022

A Xunta inaugura unha nova mostra dentro do ciclo de exposicións Retratos: Familia e Infancia centrada nesta ocasión na Asociación Galega de Adopción e Acollemento (MANAIA), que ten no seu principal obxectivo a protección da infancia e a mellora da calidade de vida de nenos e nenas.

A exposición, situada na Pirámide do Edificio Administrativo de San Caetano, está composta por 12 paneis realizados polo ilustrador pontevedrés Víctor Rivas, que ten máis de 40 anos de experiencia neste ámbito. Neles, ofrécense debuxos de nenos, nenas, persoal sanitario e distintos modelos de familia. Con esta mostra da asociación, fundada en xuño de 2006 por iniciativa de familias adoptantes en Galicia, preténdese sensibilizar á sociedade sobre a importancia da adopción e o acollemento e a normalización das súas historias.

Neste sentido, Galicia ten entre os seus eixos de acción medidas que permiten fomentar e protexer o benestar dos nenos e nenas. Así, a Xunta apoia a labor da asociación que é un punto de encontro próximo, de información e apoio para todas as persoas que estiveran ou estean no camiño da adopción ou o acollemento.

Manaia, que conta xa con 107 familias socias repartidas por toda a xeografía galega, forma a profesionais, achega todo tipo de información relativa á adopción e ao acollemento de nenos e nenas e acompaña e apoia ó máximo número de familias adoptivas e acolledoras posibles.

Imaxes relacionadas