Galicia amosará este martes á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea a importancia do seu sector do mar

Charlina Vitcheva manterá un encontro cos representantes dos distintos elos da cadea mar-industria no seo dun pleno do Consello Galego de Pesca convocado de xeito extraordinario

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañará o próximo martes á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, na súa visita a Galicia co obxectivo de coñecer a realidade do seu sector marítimo-pesqueiro e analizar cos representantes das distintas ramas de actividade tanto a súa situación como os retos aos que se enfrontan na actualidade.

A axenda en territorio galego da representante do Executivo comunitario inclúe un encontro cos responsables dos diferentes elos da cadea mar-industria de Galicia presentes no Consello Galego de Pesca. Esta xuntanza celebrarase en Vigo no marco dun pleno extraordinario que foi convocado a petición da propia responsable da Comisión Europea. Nela participarán tanto a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca como distintos representantes da Consellería do Mar, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación así como os integrantes deste órgano de representación do sector marítimo-pesqueiro da comunidade.

Esta nova reunión dará continuidade á que mantiveron Rosa Quintana e Charlina Vitcheva en Bruxelas a finais do ano pasado para analizar as propostas que había daquela sobre a mesa co obxectivo de eliminar as bonificacións aos combustibles da frota pesqueira así como presentarlle os informes elaborados por Galicia coa finalidade de mostrar o impacto que esa medida tería no sector do mar de Galicia.

Posteriormente, en abril deste ano a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, mantivo tamén en Bruxelas distintos encontros con representantes da DG MARE e doutras direccións xerais da Comisión Europea co obxectivo de abordar a proposta do Executivo comunitario de prohibir a pesca de fondo en determinadas zonas de augas europeas.

Nesas xuntanzas entregoulles o estudo elaborado pola comunidade sobre as consecuencias que a súa aplicación tería na frota de artes menores así como o dano que causaría ás frotas de litoral e de altura. Ao mesmo tempo, defendeu que todas as artes son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e apelou á necesidade de ter en conta os aspectos socioeconómicos á hora de tomar calquera decisión.

Imaxes relacionadas