A Xunta financia con máis de 5,4 M€ unha trintena de proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo por ONGD e outros axentes

A resolución da convocatoria de axudas deste ano apoia iniciativas no Salvador, República Dominicana, Guatemala, Bolivia, Nicaragua, Honduras, Perú, Ecuador, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau e India

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022

A Xunta destinará máis de 5,4 millóns de euros para financiar unha trintena de proxectos de cooperación para o desenvolvemento exterior, 26 deles por parte de ONGD e os 5 restantes por outros axentes de cooperación.

Entre os axentes de cooperación, ademais das ONGD, inclúense as universidades do sistema universitario galego e as súas entidades e centros de investigación públicos; cooperativas, empresas e asociacións empresariais; organizacións sindicais, entre outros.
O orzamento destas axudas distribuirase entre os 2,16 millóns de euros previstos para este exercicio e os 3,24 millóns de euros que se concederán aos proxectos beneficiarios en 2023. En total, as 26 iniciativas promovidas polas ONGD recibirán nas dúas anualidades un investimento de 4,7 millóns de euros e as 5 dos outros axentes, 700.000 euros entre 2022 e 2023.

Dos proxectos beneficiarios, 6 corresponden a agrupación de entidades, e todos eles, salvo un na India, executaranse nos países prioritarios da Cooperación Galega consonte o IV Plan Director da Cooperación Galega: 6 en Guatemala, 4 en Nicaragua, 4 en Honduras, 4 en Bolivia, 3 na República Dominicana, 2 no Perú, 2 no Ecuador, 2 en Mozambique, e 1 no Salvador, Cabo Verde e Guinea Bissau.

As entidades beneficiarias desta orde -nalgúns casos colaborando en proxectos conxuntos- son as organizacións non gobernamentais Asamblea de Cooperación pola Paz, AGARESO, Fundación Balms para a Infancia, Arquitectura Sen Fronteiras, Asociación Promoción e Desenvolvemento (Proyde), Fundación InterRed, Fundación Entreculturas Fe e Alegría, Mans Unidas, Asociación Movemento pola Paz, Desarme e a Liberdade, Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (Cartolab) da Universidade da Coruña, Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), Fundación Educación e Cooperación (Educo), Fundación Taller de Solidariedade, Fundación Fabre, Fundación Axuda en Acción, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación para o Desenvolvemento e Solidariedade Galega, Fundación Vicente Ferrer, Asociación Amigos da Terra, Asociación Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz (SODePAZ), Fundación CUME para o Desenvolvemento de Culturas e Pobos e Fundación Terra de Homes.

En canto aos outros axentes beneficiarios inclúense Innovación, Cooperación, Cartografía e Territorio (Icarto), as fundacións Mulleres e Galicia Innova e a Universidade de Vigo.
 

A Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de  garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega e mantén así o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia.

Imaxes relacionadas