A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reuniuse coa alcaldesa desta localidade ourensán

A Xunta estuda vías de colaboración co concello de Riós para abrir o novo centro de maiores municipal

As obras desta infraestrutura remataron recentemente, tras un investimento de 575.000 euros por parte das Administracións autonómica, provincial e local

Fabiola García salientou a aposta do Goberno galego por achegar servizos ao rural, como as Casas do maior ou o programa de Coidados porta a porta

Riós (Ourense), 9 de xullo de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e a alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, mantiveron unha xuntanza na que estudaron posibles fórmulas de colaboración para a apertura do novo centro de maiores da localidade, recentemente construído. A Xunta xa colaborou co financiamento de máis do 40% das obras desta infraestrutura, que tamén contou coas achegas da Deputación Provincial de Ourense e do propio concello ata sumar un investimento total de arredor de 575.000 euros.

A conselleira abordou coa alcaldesa de Riós as opcións que ten para que este centro de titularidade municipal poida entrar en funcionamento antes de que remate este ano, tal e como é o seu obxectivo.

Neste sentido, Fabiola García destacou o esforzo do Goberno galego por poñer a disposición dos concellos pequenos e de carácter rural máis servizos para atender ás persoas de máis idade, como son as Casas do maior ou programa de Coidados porta a porta.

Outro dos asuntos abordados na reunión foi a posibilidade de que acometer unha serie de traballos de mellora dos exteriores do Punto de Atención á Infancia (PAI), do que tamén é titular o Concello.

Imaxes relacionadas