O Goberno galego destina ata o ano 2024 un orzamento de 12,5 M€ a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías

A Xunta xa concedeu 2,3 M€ en axudas para a transformación de frotas de transporte, máis do 40% do orzamento total

Ademais do achatarramento, subvenciónase a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono ou a implantación de infraestruturas de recarga eléctrica

Trátase de favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículo e incidir na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro

O prazo de presentación de solicitudes estará vixente ata o 30 de abril de 2024, excepto o das axudas para infraestruturas de recarga, que rematará o 31 de decembro de 2023
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022.-

A Xunta xa concedeu axudas por importe de 2,3 millóns de euros para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos, acadando xa máis do 40% do orzamento total, que ascende a 12,5 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abriu en abril o prazo para solicitar estas axudas para os anos 2022, 2023 e 2024.

Esta medida encádrase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

As axudas van destinadas ao achatarramento de vehículos, á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, ao retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos, á implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e á adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

As subvencións vanse outorgando a medida que se van presentando as solicitudes e ata esgotar a dotación orzamentaria.

Desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, o 2 de abril de 2022, ata o día 1 de xullo de 2022 recibíronse un total de 498 solicitudes. Dentro das peticións de achatarramento, inclúense máis de 900 vehículos, para os que se prevé levar a cabo esta actuación nos vindeiros meses.

O Executivo autonómico ten analizado e contestado máis de 400 consultas nestes primeiros tres meses de aplicación da orde.

As persoas interesadas poden acceder a dita orde de axudas no Diario Oficial de Galicia do 1 de abril de 2022. No seguinte enlace pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3tV8vS2  Tamén teñen á súa disposición unha conta de correo electrónico á que dirixir calquera consulta ou aclaración subvencionsfrota.mobilidade@xunta.gal.

Imaxes relacionadas