O Premio Literario Nortear recibe 40 propostas da mocidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022

Un total de 40 mozos escritores da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal presentaron obras á oitava edición do Premio Literario Nortear. O certame é unha iniciativa da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na que participan a Xunta e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal.

Finalizado o prazo de presentación dos orixinais na Plataforma Nortear (https://nortear.gnpaect.eu/), o xurado, constituído por cinco membros, seleccionados entre representantes das entidades promotoras e personalidades do mundo literario galego e portugués, avaliará as obras a concurso, entre os 40 orixinais recibidos.

O nome do vencedor darase a coñecer a comezos do mes de setembro e o galardón entregarase na próxima edición da feira de industrias culturais de Galicia, Culturgal, prevista para finais de ano.

O premio literario Nortear ten unha dotación de 3.000 euros e contempla a publicación da obra vencedora en galego e en portugués. O certame recoñece cada ano obras literarias orixinais, para estimular o lanzamento de novos escritores, incentivar a creatividade literaria entre a mocidade residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e promover a distribución de obras literarias.

Esta iniciativa constitúe un polo cultural de referencia en Europa no ámbito da cooperación transfronteiriza e está cofinanciado polo Programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP).

Poden presentarse persoas de 16 a 36 anos residentes na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia con obras orixinais e inéditas, escritas en lingua portuguesa e en lingua galega, sobre o xénero do relato curto.

Os sete vencedores nas anteriores edicións foron Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coello, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.

Imaxes relacionadas