Preto dun milleiro de galegos do exterior percorren o último tramo do Camiño de Santiago na véspera da celebración do VI día da Galicia exterior

Santiago de Compostela, 08 de xullo de 2022

Preto dun milleiro de galegos do exterior percorreron esta tarde o último tramo do Camiño de Santiago dende o Monte do Gozo, dando así o pistoletazo de saída as actividades do VI Día da Galicia Exterior que se celebrará ao longo de todo o día de mañá en Santiago de Compostela. Nesta andaina estiveron acompañados polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas Calviño.

 

O VI Día da Galicia Exterior é unha xornada de confraternidade para celebrar o Ano Santo Xacobeo no que participarán 30 agrupacións culturais dos centros galegos do exterior que serán recibidas polos máximos representantes do Goberno galego e do Concello de Santiago. A trintena de grupos percorrerá as distintas prazas do casco histórico compostelán para realizar diferentes actuacións de baile e música galegas. Ademais, asistirán á celebración dunha misa na Praza da Quintana, serán obsequiados cun diploma pola súa participación no evento e presentados na Alameda de Santiago, onde se pechará a xornada cun concerto de Susana Seivane. Ao longo do día, tamén se poderá desfrutar dun paseo artesán con obradoiros na Ferradura deste parque.

Imaxes relacionadas