A Xunta dota cunha lancha de salvamento o servizo de Protección Civil do Saviñao

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entregou a embarcación de rescate para actuacións en augas continentais

A Xunta leva investidos máis de 22M€ no reforzo do equipamento dos servizos de emerxencias de Galicia
 

O Saviñao (Lugo), 8 de xullo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, fixo entrega hoxe dunha embarcación de salvamento ao Servizo Municipal de Protección Civil do Saviñao. O obxectivo é que conten cos medios axeitados e necesarios nas súas intervencións, tendo en conta que moitas ocasións son os primeiros en chegar ás incidencias.

Trátase dunha lancha con base ríxida de fibra e flotadores inchables valorada en 11.685 euros. Cunha  eslora de 3,99 metros e manga de 1,88 metros, destinarase a funcións de rescate e outras actuacións de emerxencias en augas continentais. A embarcación entregouse xunto cun remolque de aceiro galvanizado de 4.650 metros de longo e 1.740 de ancho.   

Segundo sinalou Santiago Villanueva, con esta nova dotación o Goberno galego segue a reforzar o seu compromiso coas emerxencias e co persoal que traballa neste servizo. Concretamente no caso do Concello do Saviñao, a Xunta entregou nos últimos anos material valorado en 53.346 euros que incluíu un vehículo pick-up, un remolque de emerxencias e un desfibrilador. A maiores, nos dous últimos anos concedéronselle máis de 3.000 euros en axudas para o mantemento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Apoio económico e formativo

O esforzo no apoio aos servizos municipais de emerxencias tradúcese este ano nun investimento global en Galicia de máis 22 millóns de euros, dos que máis da metade foron para as 234 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil existentes, que co seu traballo altruísta prestan un apoio fundamental aos servizos de emerxencias.

A Xunta aposta ademais pola formación neste ámbito desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) con distintos módulos dirixidos a mellorar a preparación dos efectivos dos servizos de emerxencias e poder contar así con profesionais cualificados que realicen o seu traballo con eficacia.

Imaxes relacionadas