A Xunta abre o prazo para solicitar o Bono Coidado que axudou o pasado ano a preto de 900 familias en materia de conciliación

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desta axuda que permite su-fragar servizos de conciliación para familias con nenos de ata 12 anos

O prazo estará aberto desde este luns e ata o 30 de setembro na sede electrónica e poderán xustificarse servizos contratados desde o 1 de xaneiro deste ano

Está dirixido ao pago de servizos de conciliación para períodos de vacacións como son campamentos de verán, ludotecas ou espazos infantís similares ou para a con-tratación dun servizo en casos excepcionais por enfermidade do neno ou do coida-dor

O número de beneficiarios duplicouse con respecto ao ano 2019, antes da pandemia, cando esta axuda chegaba a 400 persoas

A contía máxima da axuda será de 500 euros por unidade familiar no caso da con-tratación dunha persoa empregada do fogar ou de 200 euros por cada neno no caso de asistencia a servizos de conciliación

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a apertura do prazo para solicitar o Bono Coidado, unha axuda económica que serve para atender as necesidades de conciliación das familias con nenos de ata 12 anos que sexan de carácter puntual ou que se produzan durante os períodos de vacacións escolares. O pasado ano foron preto de 900 as familias que se beneficiaron desta axuda cuxo prazo de solicitude se inicia este luns e permanecerá aberto ata o 30 de setembro na sede electrónica.

 

O ano pasado este programa engadiu como novidade o uso desta axuda para sufragar servizos de conciliación para períodos de vacacións como son os campamentos de verán, as ludotecas ou espazos infantís similares. Isto permitiu duplicar o número de beneficiarios con respecto ao ano 2019, antes da pandemia, cando esta axuda chegaba a 400 persoas. Este bono poderá solicitarse tamén para a contratación dun servizo de conciliación no caso dunha enfermidade do neno ou do coidador habitual. 

 

A Xunta investirá nesta axuda máis de 550.000 euros e con ela poderanse sufragar servizos empregados desde o 1 de xaneiro do ano 2022 ata o propio mes de setembro. A axuda consiste nunha achega que pode acadar o 100% do custe do servizo. A contía máxima da axuda será de 500 euros por unidade familiar no caso da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno no caso de asistencia a servizos de conciliación.

Imaxes relacionadas