A Xunta reforza o seu apoio ao pobo de Ucraína cun novo proxecto de transporte de axuda humanitaria

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a presidenta da Asociación Galega de Axuda a Ucraína, Natalia Afonina, asinaron hoxe o acordo de colaboración para o envío de produtos de primeira necesidade

A intervención vén complementar as actuacións postas en marcha pola Xunta de Galicia en apoio á poboación ucraína desde o inicio do conflito bélico
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

A Xunta reforza o seu apoio ao pobo ucraíno cun novo proxecto de transporte de axuda humanitaria, como se establece no acordo de colaboración asinado hoxe polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a presidenta da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), Natalia Afonina. O Goberno galego cofinanciará o aluguer de camións con 13.300 euros, o que representa o 95 por cento do custo total do proxecto, de 14.000 euros.

As accións previstas son a identificación dos produtos de primeira necesidade máis solicitados, en colaboración coas Organizacións Non Gobernamentais (ONGs) que actúan no territorio, e a solicitude de axuda de produtos básicos á poboación galega, coa creación de puntos de entrega. Tras a compilación, as doazóns trasladaranse aos almacéns centrais e prepararanse os envíos e transporte nos camións para a súa entrega ás ONGs locais, que serán quen as distribúa.

Segundo sinalou o vicepresidente segundo, o obxectivo da colaboración é cubrir a necesidade de subministracións básicas da poboación civil de Ucraína, debido ao desabastecemento que provocou o conflito bélico no país. Diego Calvo destacou o carácter complementario deste acordo, que se suma ás outras actuacións de apoio desenvolvidas dende o comezo do conflito bélico. Nesta liña referiuse á activación dos convenios para a actuación de emerxencia con Farmacéuticos Mundi e UNICEF, que permitiron a atención específica a mulleres e menores cun financiamento de 40.000 euros.

Lembrou tamén que, no marco do convenio entre a cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria, decidiuse activar o Fondo de continxencia para apoiar a resposta humanitaria ante a crise ucraína. Concretamente, finánciase o esforzo humanitario da Federación Internacional da Cruz Vermella (FIRC) en apoio ás súas sociedades nacionais, pola súa presenza en Ucraína e os países veciños e polo importante traballo que están a realizar coa súa rede de persoas voluntarias. O apoio farase cun importe de 400.000 €.

A axuda humanitaria, ámbito estratéxico

Diego Calvo destacou que o convenio asinado hoxe lle dá continuidade ás actuacións anteriores, emprendidas por AGA-Ucraína, e que permitiron o envío de 16 camións cun total de 240 toneladas de subministracións básicas desde o inicio do conflito. Súmase así un envío mais.

A iniciativa enmárcase no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, que identifica a axuda humanitaria e de emerxencia como un dos ámbitos estratéxicos nos que actuar de xeito directo ou a través dos diferentes axentes que traballan na materia.  

O vicepresidente segundo referiuse ao apoio ao pobo ucraíno como unha das prioridades na axenda de cooperación da Xunta. Nesta liña lembrou que desde o primeiro momento o Goberno galego puxo todos os recursos precisos para o acollemento de persoas refuxiadas e darlles resposta ás necesidades educativas, sanitarias e de inclusión laboral e social.

Imaxes relacionadas