Luis Fonsi, James Blunt e Ilegales únense á programación do Xacobeo 21-22 con dous concertos na praza de María Pita
O Goberno galego tamén financia as actuacións de Simple Minds ou LP no marco do Ciclo Xacobeo Importa, ademais dos festivais Atlantic Pride, Morriña Fest, Neox Music Day, Noroeste e Noites do Porto
A programación musical pódese consultar no espazo web www.concertosdoxacobeo.gal
A Coruña, 8 de xullo de 2022
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, na presentación do programa de festas da cidade da Coruña no que a Xunta de Galicia estará presente en moitos dos seus concertos e nos seus principais festivais.
Trenor destacou que o Goberno autonómico cofinanciará os concertos de James Blunt o 1 de agosto, o de Ilegales o 5 de agosto e o de Luis Fonsi o 15 de agosto no ciclo de eventos musicais na praza de María Pita co obxectivo de promover a celebración deste Ano Santo excepcional. Trenor subliñou que coa programación musical do Xacobeo, dispoñible enwww.concertosdoxacobeo.gal, o Goberno galego está a apostar pola celebración de eventos musicais que permitan situar a Galicia no imaxinario colectivo, especialmente no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre peregrinos e visitantes.
O representante do Goberno galego destacou que a Xunta de Galicia vai estar presente, entre os meses de xullo e agosto, nos principais concertos e festivais que se celebrarán na cidade. Así, os concertos de Rosalía e Simple Minds e os festivais de Atlantic Pride, Morriña Fest, Neox Music Day e Noroeste reciben cofinanciamento da Xunta o que permitirá contar con arredor de 50 artistas de primeiro nivel. Ademais, xa no mes de outubro, terá lugar o concerto de LP, no marco do Ciclo Xacobeo Importa, e o ciclo de concertos Noites do Porto, que tamén contan co apoio da administración autonómica.
Neste senso, subliñou que investir en cultura e en eventos musicais éinvestir na cidade, polo que destacou o “enorme revulsivo” que estes concertos suporán para todos os profesionais da cultura e, por extensión ao conxunto da economía na cidade da Coruña.
Trenor, incidiu en que “todo este esforzo vai a contribuír a que o Ano Santo sexa un verdadeiro dinamizador e un multiplicador tanto da actividade como do consumo cultural na Coruña”. “Estou convencido de que a cidade terá uns datos de visitantes récord e as aportacións da Xunta será unha das claves dese éxito”. “Calquera evento que se presente baixo o paraugas da marca Xacobeo ten garantido o éxito e agardamos que as propostas que estamos presentando estes días axuden a que os coruñeses volvan a desfrutar dun verano único cheo de boa música”, rematou.