A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou a praia de Xilloi, no Vicedo

A Xunta recorda a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán

Ángeles Vázquez valora o esforzo que realiza MeteoGalicia para ofrecer una ampla información coa posta en marcha dun novo sistema de avisos de episodios de calor

Incide en que as persoas non se expoñan ao sol nas horas centrais do día

O Vicedo (Lugo), 8 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia recorda a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán e invita á cidadanía a desfrutar das praias dunha forma segura e responsable. Así o salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no areal de Xilloi, onde estivo acompañada por Fernando Valdés, dermatólogo do Hospital Público da Mariña.

Logo de incidir nas consecuencias negativas que pode ter o sol para a saúde se non se toma con responsabilidade, Ángeles Vázquez destacou o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta.

Ademais de estar adherida desde o primeiro momento ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Galicia conta con 5 medidores da radiación, cuxos datos se ofrecen en tempo real na páxina web de MeteoGalicia, o que nos sitúa como “unha das comunidades que cronometra hora a hora os raios ultravioleta e esa información dámoslla á cidadanía”, aseverou a conselleira, para que poida realizar actividades de natureza e visitar espazos naturais, reservas de biosfera ou os areais de forma responsable.

Co obxectivo de seguir mellorando e actualizando o sistema, este verán púxose en marcha unha nova funcionalidade ante episodios de calor na que se teñen en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calculan os valores que se poden considerar elevados para cada concello.

Así, se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso para ese municipio concreto -amarelo, laranxa ou vermello-. No caso de que estes episodios de calor duren polo menos 3 días e afecten a un número considerable de concellos, decretarase a situación de vaga de calor por parte da Consellería de Sanidade. Nesta liña, Ángeles Vázquez puxo en valor “a coordinación entre consellerías para que a información chegue aos cidadáns”.

A maiores, ante ás altas temperaturas que se están a rexistrar na Comunidade, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de non expoñerse ao sol nas horas centrais do día.

Imaxes relacionadas