A Xunta destaca o potencial das antigas zonas carboníferas para impulsar iniciativas de industria sustentable, turismo ou enerxía renovable

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe nunha mesa redonda celebrada en Oviedo no marco do Diálogo Político Anual da Iniciativa para as rexións carboníferas en transición

Oviedo (Asturias), 7 de xullo de 2022.-

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe na mesa redonda Manufacturas e cadeas de valor: as rexións carboníferas como “fabricantes” da transición de enerxía limpa, dentro do Diálogo Político Anual da Iniciativa para as rexións carboníferas en transición.

 

Na súa intervención destacou o potencial das zonas carboníferas para impulsar iniciativas relacionadas coa industria sustentable, o turismo ou a xeración de enerxía renovable que favorezan o desenvolvemento económico destes territorios.

 

Neste sentido, destacou a importancia de contar cun marco regulatorio estable e liñas de axudas e incentivos que permitan levar a cabo unha transición enerxética adecuada en todos os eidos: medioambiental, enerxético e económico. Así, subliñou o papel dos fondos dedicados á Transición Xusta e a necesidade dunha xestión e orientación adecuada dos mesmos, na que se teña en conta o emprego a manter e crear, a identificación de capacidades e oportunidades, así como as infraestruturas precisas para favorecer o desenvolvemento de proxectos.