O rural galego contará con bibliotecas móbiles para que poidan gozar deste servizo

Explica que o obxectivo desta medida é achegar o préstamo de libros e material audiovisual aos concellos que aínda non contan con este servizo

É a primeira medida posta en marcha ao abeiro do II Mapa de bibliotecas que se aprobou en maio e permite orientar a acción pública neste eido

Implantarase de xeito piloto nun total de 20 concellos das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Sarria, Verín e A Limia, que visitará dúas veces ao mes

Situarase nas zonas máis concorridas dos municipios e tamén realizará un percorrido polas aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta

A Xunta continúa así reforzando o sistema bibliotecario galego ao cal dedica este ano máis de 2M€ para mellorar as coleccións, dotar de recursos electrónicos, levar a cabo actividades de dinamización da lectura ou formación
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022 .-

O presidente da Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta a posta en marcha dun novo servizo de bibliotecas móbiles de Galicia, unha iniciativa que permitirá estender estes servizos a toda a cidadanía galega. O 67% dos concellos galegos contan cun servizo fixo de biblioteca municipal, o que supón que estes recursos chegan ao 94% da poboación. “Pero aínda queda algo menos dun tercio dos municipios sen estes servizos. O que queremos é achegarlles estes recursos aos concellos máis pequenos”, sinalou durante a rolda de prensa.

 

“Esta iniciativa poñerase en marcha de forma piloto en 20 concellos de Lugo e Ourense”, indicou o titular da Xunta, que explicou que a Biblioteca Móbil de Galicia constará dunhas furgonetas que se desprazarán dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organizarase de xeito que un dos días se asente nos lugares de maior afluencia de público onde se celebran as feiras e mercados, centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O outro día realizará un percorrido polos núcleos e aldeas en que poida ofrecer un servizo máis personalizado porta a porta.

 

Terá unha colección que inicialmente partirá duns 500 exemplares. Ademais de libros ofreceranse películas, música, xogos físicos e dixitais, publicacións periódicas como revistas e pasatempos. As coleccións irán medrando conforme avance o tempo de prestación do servizo e tamén poderán verse complementadas polos materiais das bibliotecas centrais territoriais de referencia en cada caso (Lugo e Ourense) a través do préstamo interbibliotecario. Terá unha programación cultural de periodicidade estable que inclúa clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos, tanto a través de equipos docentes como a través das bibliotecas escolares, así como co tecido asociativo.

 

Ofrecerá servizos como expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Terá conexión á internet, equipamentos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. Tamén haberá táblets, consolas e lectores de libro electrónico para o préstamo aos usuarios. Para o seu correcto funcionamento, contará con persoal estable cun perfil técnico especialista en lecer educativo e animación sociocultural. Cada biblioteca móbil contará cun punto central de referencia para a agrupación e concellos en que se desenvolva, que servirá como sede do traballo administrativo relativo á biblioteca e que será coordinado coas autoridades municipais.

 

Espazo aberto á comunidade

Servirá como un espazo aberto a toda a comunidade, e deberá apoiar a toda a veciñanza na adquisición e aplicación de capacidade. Servirá tamén como recurso de apoio á aprendizaxe e favorecedor da creatividade mediante a súa programación dinamizadora a través de diferentes accións.

 

En Lugo implantarase nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Sarria, comprendendo un total de 10 concellos: Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Cubrirá as necesidades e demandas de aproximadamente 10.000 persoas. No caso de Ourense implantarase nas comarcas de Verín e A Limia, tamén en 10 concellos: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós para dar servizo a 12.200 persoas.

 

Trátase da primeira medida que xurde ao abeiro do II Mapa de bibliotecas públicas, a ferramenta de planificación que se aprobou en maio e que permite orientar a acción pública neste eido, en cumprimento da Lei de bibliotecas de Galicia.

 

Nestes momentos, o proxecto está en fase de desenvolvemento. Nos vindeiros meses presentarase nos concellos, conformarase e catalogarase a colección estable, contactarase cos concellos para establecer rutas e días de prestación do servizo e adxudicarase o contrato de servizo que conta cun orzamento global de preto de 200.000€. O informe presentado en Consello da Xunta comprende unha calendarización que estima a súa posta en marcha nos vindeiros meses.

 

Con esta medida, a Xunta continúa a reforzar o sistema bibliotecario galego que, segundo identifica o II Mapa de bibliotecas públicas, está composto por un total de 295 servizos bibliotecarios con máis de 6,6 millóns de exemplares, 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados.

 

Enmárcase nas medidas da Xunta para o sector bibliotecario cun orzamento que supera os 2M€ en distintos programas para impulsar a Rede de bibliotecas públicas para o crecemento e actualización das coleccións e dotación de recursos electrónicos, para a dinamización da lectura, para a mellora de infraestruturas culturais dos concellos ou para a formación.

Imaxes relacionadas