A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou esta mañá en Madrid o convenio que permitirá empezar a executar estes fondos no mes de xullo

A Xunta xestionará ata o ano 2025 preto de 107 M€ en programas e axudas directas no marco do novo Plan estatal para o acceso á vivenda

Ángeles Vázquez salienta que 4 das 7 liñas previstas, destinadas a alugueiro, compra e accesibilidade, convocaranse nas vindeiras semanas por un importe de 33 M€

Salienta que grazas á axilidade e boa xestión do Goberno autonómico, Galicia é unha das 6 comunidades que xa están en disposición de poñer en marcha este plan, que leva xestionando desde hai 4 décadas “con eficacia” e bos resultados
 

Madrid, 7 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia xestionará nos vindeiros anos preto de 107 millóns de euros a través de diferentes programas e liñas de axudas directas no marco do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou hoxe en Madrid o convenio de colaboración co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en virtude do cal se poderá empezar a executar o referido plan, que conta con financiamento estatal e autonómico.

 

Dos 13 programas que o compoñen, a Xunta decidiu convocar un total de 7, escollidos por ser aqueles que mellor se axustan ás necesidades e características da Comunidade galega e tendo en conta tamén que non interfiren nin se solapan con outros programas autonómicos xa implantados, tal e como explicou a conselleira tras o acto de sinatura.

 

Neste sentido, ao abeiro do Plan 2022-2025 o Goberno galego ofrecerá axudas dirixidas a facilitar a adquisición da vivenda habitual, o pago do alugueiro ou parte do financiamento necesario para acometer obras de mellora da accesibilidade en edificios e inmobles residenciais xa existentes, un aspecto que considerou “primordial” no eido da vivenda.

 

Así, Ángeles Vázquez anunciou que as 4 primeiras ordes de subvencións centradas nestas tres liñas “prioritarias para Galicia” sairán publicadas nas vindeiras semanas, cun orzamento global de 33 millóns de euros. En concreto e tras resaltar que se trata dun “tempo récord”, avanzou que o próximo 13 de xullo se convocará o bono de alugueiro social, unha prestación para garantir o pago da vivenda habitual a colectivos vulnerables.

 

Cun orzamento de 11,2 millóns de euros para novas concesións e outros 3,7 millóns destinados a pagar os bonos xa activos, a conselleira subliñou a importancia destas axudas, coas que cubrirá, ao igual que o fixo desde a pandemia, o 100% do alugueiro de persoas afectadas por desafiuzamentos ou execucións hipotecarias, vítimas de violencia de xénero ou colectivos en situación de emerxencia social, entre outros.

 

Entre os programas que tamén se convocarán proximamente están as axudas directas ao alugueiro, cun orzamento de 12,5 millóns de euros e dirixidas a persoas cuxos ingresos non superen 3 veces o Iprem (24.318,84 euros); e os incentivos para apoiar a persoas mozas na adquisición da súa vivenda habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes, cunha partida asignada para este ano de 2,55 millóns de euros.

 

A maiores, o cuarto programa con publicación prevista nas próximas semanas é o de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, que porá á disposición dos propietarios 3,9 millóns para financiar obras que fagan máis accesibles os seus inmobles, xa sexan casas unifamiliares ou edificios residenciais colectivos. Neste caso, os incentivos poderán chegar a cubrir o 60% do custo dos traballos, cun límite de 21.000 euros.

 

En canto ás outras tres liñas de actuación enmarcadas no plan, unha delas será o programa de incremento do parque público de vivendas, que non require de convocatoria xa que os 8,3 millóns de euros dispoñibles destinaranse a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo compre inmobles que xa ten cedidos por Abanca e a Sareb; mentres que as dúas restantes, totalmente novidosas, se convocarán en decembro e van dirixidas, por un lado, a promover aloxamentos ou vivendas para persoas maiores ou con algunha discapacidade, cun orzamento de 4 millóns; e por outro, ao fomento de solucións residenciais como vivendas cooperativas interxeneracionais ou cohousing, aloxamentos temporais e similares, cunha partida consignada de 8,3 millóns de euros.

 
Axilidade e eficiencia na xestión

Tras expoñer as liñas de actuación prioritarias que terá na comunidade o novo plan de vivenda, a conselleira fixo fincapé na axilidade coa que a Xunta resolveu os trámites previos da súa competencia necesarios para poder poñelo en marcha “o antes posible”.

 

“Agradecemos ao IGVS o esforzo realizado para ter todo arranxado e as bases das convocatorias dispoñibles para que este sexa un verán de traballo polo ben de todos os galegos e as galegas”, declarou.

 

Neste sentido, salientou que Galicia é unha das “primeiras comunidades” —6 en total— en subscribir o convenio imprescindible para executar o plan, un instrumento que, tal e como lembrou, leva xestionando desde hai xa 4 décadas “con eficacia e bos resultados”.

Imaxes relacionadas