A ruta marítima “cabaleiro das cunchas” confluirá coa Iacobus Maris na ría de Vigo grazas ao Xacobeo 21-22

A delegada territorial de Xunta en Vigo presentou a nova edición da cita náutica na que participarán unha vintena de embarcacións para unirse o 22 de xullo aos navíos procedentes do Mediterráneo

“Imos ter un espectáculo único coa unión destas dúas grandes rutas que reflicten fielmente o espírito que compartimos, o da ilusión por vivir a cultura xacobea”, sinalou Marta Fernández-Tapias
 

Vigo, 6 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores a XII edición da Ruta Marítima “Cabaleiro das Cunchas” Xacobeo 21-22 na que tomarán parte, a partir do próximo día 15 e ata o 23 de xullo, unha vintena de embarcacións españolas e portuguesas.

 

A tradicional frota que percorre a costa atlántica entre Vigo e Portugal unirase nesta edición á Ruta Iacobus Maris, que ten previsto entrar na ría viguesa o 22 de xullo. Todas as embarcacións realizarán unha grande parada naval diante das Cíes momentos antes de entrar a porto.

 

“Imos ter un espectáculo único coa unión destas dúas grandes rutas que reflicten fielmente o espírito que compartimos, o da ilusión por vivir a cultura xacobea”, sinalou Marta Fernández-Tapias.

 

No acto de presentación, xunto a Javier Grande, presidente da Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia, e o presidente do Liceo Marítimo de Bouzas, Miguel Pereira, a representante autonómica salientou a importancia desta travesía náutica de preto de 300 millas na difusión da tradición marítima xacobea.

 

Por duodécimo ano consecutivo a Ruta Marítima “Cabaleiro das Cunchas” celébrase esta travesía marítima xacobea que rememora o último tramo da translación dos restos do Apóstolo Santiago por mar (Traslatio) segundo conta a lenda.

 

Celebrarase entre o 15 e o 23 de xullo mediante a práctica da navegación en conserva, non competitiva, tendo como obxectivo unha navegación en varias etapas recalando en varios portos da costa portuguesa e a ría de Vigo.

 

Así, acompañará aos grandes veleiros da ruta Iacobus Maris, desde Portugal ata a chegada a Vigo, de forma que se unirá o día 18 en Aveiro aos barcos procedentes do Mediterranéo e todos participarán na parada naval do día 22 na ría de Vigo.

Imaxes relacionadas