O Monte Real Club de Iates de Baiona recibe a Bandeira de Galicia Calidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mencionou que con esta adhesión xa son 14 os clubs náuticos galegos certificados con esta marca de garantía, o que permite que Galicia sexa referente neste ámbito
 

A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen
 

Baiona (Pontevedra), 6 de xullo de 2022 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron hoxe en Baiona ao izado da bandeira de Galicia Calidade no Monte Real Club de Iates de Baiona, situado neste municipio do sur de Pontevedra e enclave fundamental do turismo náutico galego. Unha acreditación da que xa dispoñen 14 portos deportivos galegos dos cales once —entre os que se atopa Baiona— contan, ademais, coa bandeira azul. Segundo apuntou Heredia, “Galicia é líder, tamén, en número de náuticos recoñecidos co Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións con este distintivo”.

O Monte Real é un dos clubs náuticos máis importantes de ámbito nacional que ao longo dos case 60 anos de historia desenvolveu a súa actividade coas premisas de fomentar o turismo náutico internacional e a organización de regatas de alta competición, como son campionatos do Mundo e de Europa, ademais do Trofeo Príncipe de Asturias.

Ademais do de Baiona, contan co distintivo de calidade o Nauta Sanxenxo, Club Náutico de Sada, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico San Vicente do Mar, Real Club Náutico de Rodeira (Cangas) e o Club Náutico de Boiro. A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen.

Heredia destacou que este tipo de instalacións son un referente para o turismo lúdico e deportivo e que fan de Galicia un importante destino náutico. Neste sentido, tamén cómpre destacar que, se aos clubs náuticos galegos se suman hoteis, restaurantes e casas rurais, suman 52 establecementos turísticos amparados baixo o selo Galicia Calidade.

 

Imaxes relacionadas