A Xunta proporciona un equipo de excarceración para rescate ao Servizo Municipal de Protección Civil de Muxía

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entregou material destinado a atender intervencións como accidentes de tráfico con persoas atrapadas ou rescates en espazos confinados ou estruturas colapsadas
 
A Xunta leva investidos máis de 22M€ no reforzo do equipamento dos servizos de emerxencias de Galicia
Muxía (A Coruña), 6 de xullo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, fixo entrega hoxe dun equipo de excarceración para tarefas de rescate e actuacións en emerxencias ao Servizo Municipal de Protección Civil de Muxía. Co novo equipo, valorado en 27.313 euros, o Goberno galego reforza o seu compromiso coas emerxencias e co persoal que traballa neste servizo. O obxectivo é que conten cos medios axeitados e necesarios nas súas intervencións.

O material de excarceración entregado hoxe está destinado a atender accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas, así como calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, tracción e elevación. Consta dunha bomba ferramenta multifunción a batería, unha cizalla electro-hidráulica, un cilindro RAM electro-hidráulico, seis baterías, tres cargadores, tres alimentadores de cable e unha serra de sable con batería e cargador. Cómpre sinalar que se trata do primeiro equipo destas características que se dá na provincia da Coruña.

Segundo destacou Santiago Villanueva, a importancia do labor desenvolvido polos servizos de emerxencias nos concellos fai que o Goberno galego reforce de xeito continuo as súas dotacións, ademais de apoiar o seu mantemento. No caso da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Muxía, a Xunta destinou nos últimos anos preto de 148.000 euros, dos que a meirande parte, 98.000, se investiron en equipos, como unha embarcación, remolques, un furgón ou terminais con GPS, entre outros.   

Apoio económico e formativo

O esforzo no apoio aos servizos municipais de emerxencias tradúcese este ano nun investimento global en Galicia superior aos 22 millóns de euros, dos que máis da metade foron para as 234 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil existentes, que co seu traballo altruísta prestan un apoio fundamental aos servizos de emerxencias.

A Xunta aposta ademais pola formación neste ámbito desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) con distintos módulos dirixidos a mellorar a preparación dos efectivos dos servizos de emerxencias e poder contar así con profesionais cualificados que realicen o seu traballo con eficacia.

Imaxes relacionadas