A Xunta mobilizará en dous anos máis de 5M€ en obras de mellora da seguridade e de conservación das estradas autonómicas na área de Noia
Francisco Menéndez avanza que en outono comezará o reforzo do firme da estrada AC-550 entre Noia e Ribeira, cun investimento de 2,7 M€
Indica que a Xunta tamén iniciará tras o verán a execución dunha glorieta na Barquiña e a mellora da accesibilidade das beirarrúas da travesía de Noia, na mesma estrada AC-550
Cita a conservación en Ponte Ceilán, cun investimento de 500.000€, que permitirá a rehabilitación da varanda para os peóns e a renovación da iluminación
Destaca a rehabilitación da Ponte Nafonso, cun investimento de 700.000€, completada coa mellora do firme da estrada AC-196, que se está a finalizar
A Xunta mobilizará entre os anos 2022 e 2023 un orzamento de máis de 5 M€ destinado a obras de mellora da seguridade e da conservación de estradas autonómicas na contorna de Noia.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou na Comisión 2ª do Parlamento as actuacións previstas nas vías autonómicas da área de Noia, como o reforzo do firme na AC-550, cun investimento de 2,7 M€.
Sinalou que esta intervención implicará a execución neste outono dun reforzo estrutural do firme e a renovación da capa de rodaxe desta estrada entre Noia e Ribeira.
Referiuse á construción dunha glorieta e ao acondicionamento de travesía na AC-550, cun orzamento de 1,15 M€, en trámite de adxudicación, polo que as obras comezará tras o verán.
Indicou que esta obra mellorará a seguridade viaria e a funcionalidade da estrada ao seu paso por Noia cunha glorieta na Barquiña que resolverá unha complicada intersección e calmará o tráfico, ademais da mellora da accesibilidade das beirarrúas da travesía.
Tamén citou a conservación da Ponte Ceilán (AC-550), cun investimento de 500.000 euros, que permitirá a rehabilitación da varanda de protección para os peóns ao longo do viaduto, así como a renovación da iluminación do mesmo, co paso á tecnoloxía LED.
Ademais destacou a rehabilitación da Ponte Nafonso, cun investimento autonómico de 700.000 euros que está a ser complementado cunha mellora do firme da estrada AC-196, o treito antigo da AC-550, e que se está a finalizar.
O director lembrou que a Xunta, no marco do programa de xestión de pontes e obras de paso en estradas autonómicas, vén realizando un seguimento da ponte sobre a ría de Noia, posta en servizo en 2014 cun orzamento autonómico de 50 M€.
Concretou que para acadar o bo estado de conservación da ponte, a Xunta vén realizando traballos periódicos de repintado de elementos metálicos, reposición de balizas ou prolongación dalgún tubo da varanda.
Lembrou que o sistema de iluminación da ponte foi obxecto de actos de vandalismo, polo que en 2021 a Xunta procedeu á revisión e reinstalación deste mecanismo.
Non obstante, tras novos actos vandálicos rexistrados, estanse a estudar alternativas para repoñer a iluminación da parte peonil da ponte, empregando un sistema menos vulnerable.