A Xunta aposta polo fomento do exercicio físico en persoas maiores de 60 anos a través do programa “Adestra a túa saúde”

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron hoxe cos alcaldes de Abegondo e Arteixo o protocolo para realizar este programa de maneira experimental nos seus concellos
 
A iniciativa pretende mellorar a calidade destas persoas a través da coordinación entre o persoal dos centros de saúde, a figura do promotor do exercicio físico e os servizos deportivos dos municipios
A Coruña, 6 de xullo de 2022

A Xunta promove o fomento de deporte como piar clave do envellecemento activo co obxectivo de aumentar a esperanza de vida cun bo estado de saúde mellorando o benestar físico e psicolóxico das persoas maiores. O programa piloto Adestra a túa saúde do Goberno galego busca precisamente reducir a fraxilidade nas persoas maiores a través da prescrición de exercicio físico na contorna sanitaria e o seu seguimento dende o centro de saúde.

Este programa levase a cabo de xeito experimental nos concellos de Abegondo e Arteixo segundo o convenio asinado hoxe entre o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cos alcaldes destes dous municipios. Ao acto tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

A iniciativa vai dirixida, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-. Os profesionais sanitarios do centro de saúde recomendan ás persoas destinatarias a participar no programa e se aceptan, son derivadas a un promotor de exercicio físico do concello que se encargará de avaliar a súa condición física. Ademais,  acordará cos pacientes o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no concello que se poden consultar no Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (RIDEGA).

Tanto para a posta en marcha deste programa como a creación doutras unidades de prescrición noutros municipios galegos, a Xunta destinará os 442.000 euros transferidos de fondos europeos para o investimento da dixitalización do deporte co que dar un impulso á iniciativa Adestra a túa saúde.

A Xunta financia a disposición dun sistema dixital que dea soporte a este plan de prescrición de exercicio físico, cursos de formación específicos para educadores físicos e persoal sanitario ou unidades de prescrición de exercicio.

Deste xeito, tanto na avaliación inicial das condicións físicas dos usuarios como no seu seguimento empregarase a plataforma Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable (D.A.F.I.S.), que a Fundación Deporte Galego xa viña aplicando no ámbito escolar no marco do Plan de Fomento de Actividade Física Galicia Saudable e que foi recoñecida pola Organización Mundial da Saúde como boa práctica nos países do marco europeo.

O vicepresidente segundo da Xunta sinalou a importancia de “seguir traballando por unha Galicia saudable para acadar un estilo de vida activo que axude a previr enfermidades crónicas non transmisibles relacionadas coa inactividade física e o sedentarismo”.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade remarcou que Adestra a túa saúde forma parte do Plan de Obesidade Zero, presentado recentemente polo Executivo galego, e coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Trátase dun plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade, dende unha perspectiva de saúde pública, e que contempla un horizonte temporal de oito anos, orientado á mellora continua das cifras de sobrepeso e obesidade da cidadanía galega mediante a adopción dun estilo de vida saudable.

 

O obxectivo marcado no Plan de Obesidade, -sinalou o conselleiro-, é reducir o sobrepeso nun 15% no 2030, o que supón que ao redor de 190.000 galegos e galegas deixen de ter sobrepeso ou obesidade, establecendo unhas etapas intermedias nos anos 2024 e 2026.

 

Ademais, remarcou que o seu departamento segue a traballar nunha liña que iniciou hai anos, e que se materializa en medidas e iniciativas que fomenten uns hábitos de vida saudables e, mostra diso, son os proxectos Praias sen Fume ou a web sobre saúde materno infantil e xuvenil Xanela Aberta á Familia.

Imaxes relacionadas