A Xunta dotará de persoal e medios materiais os tres novos Xulgados de Primeira Instancia na Coruña, Lugo e Vigo aceptados polo Goberno central

O Goberno galego insta ao Ministerio de Xustiza que aclare se vai crear as dúas prazas de maxistrados da sección penal solicitadas polo Goberno galego e o TSXG de forma consensuada na Comisión Mixta de Xustiza, un deles na Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

A Xunta dotará do persoal e do equipamento necesario para poñer en marcha os tres novos xulgados na comunidade que o Ministerio de Xustiza comunicou que ten previsto incluír no proxecto de real decreto de creación das unidades xudiciais correspondentes á programación de 2022 que o Goberno central está a tramitar para a súa aprobación.

O Ministerio de Xustiza vén de comunicar ao Goberno galego que os tres novos tribunais aceptados que se prevén poñer en marcha unha vez aprobado o real decreto son os de Primeira Instancia nº6 de Lugo, nº15 da Coruña e nº16 de Vigo. Trátase de tres das unidades incluídas na proposta da Xunta en consenso co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentada ao Executivo central no marco da Comisión Mixta de Xustiza en base ás cargas de traballo das unidades xudiciais de toda Galicia.

Entre as novas unidades solicitadas tamén se incluían dous maxistrados da sección penal, un na Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra, que deben ser creadas polo Goberno central. Por iso, a Xunta insta ao Ministerio a aclarar se ten previsto incluír estas dúas unidades na programación deste exercicio.

A Xunta aceptará e financiará todas as unidades xudiciais que outorgue o Goberno Central e comprométese a poñelas en marcha no menor tempo posible.

O Goberno galego xa destinou 215.000 euros  aos custos de persoal e de material do novo xulgado do mercantil da Coruña que entrou en funcionamento o pasado marzo. Esta achega engádese aos 850.000 euros investidos na creación doutros tres novos xulgados do Social que comezaron a funcionar en abril do 2021, isto é, o nº4 de Lugo, o nº7 da Coruña e o nº7 de Vigo.