A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou en MeteoGalicia o balance da calidade do aire na Comunidade
A Xunta aposta pola continua mellora e modernización das estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia cun investimento de 1,7 M€
Ángeles Vázquez incide en que os valores límite para a protección da saúde humana non se superaron en ningunha das estacións en 2021
Galicia mantivo o pasado ano unha axeitada calidade do aire tanto nas cidades como nas áreas rurais e industriais e mantéñense as melloras rexistradas en 2020 debido á pandemia sanitaria
A Xunta aposta pola continua mellora e modernización das estacións da Rede de Calidade do Aire do Galicia, polo que, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vai investir 1,7 millóns de euros no seu mantemento e actualización.
Durante a presentación dos resultados do último informe anual realizado por MeteoGalicia, a conselleira puxo en valor que a Comunidade mantivo en 2021 unha axeitada calidade do aire tanto nas cidades como nas áreas rurais e industriais e, ademais, mantivo as melloras rexistradas en 2020 debido á pandemia sanitaria. “En ningunha das estacións se superaron os valores límite para a protección da saúde humana”, aseverou Ángeles Vázquez.
Ademais de que a avaliación fose máis favorable que en anos anteriores para diversos contaminantes, os valores de concentración rexistrados en 2021 nas 49 estacións repartidas polo territorio galego cumpriron todos os requisitos fixados pola lexislación vixente.